Skip to main content

O arnés invisible

Sapina

María estaba asustada, non sabía que facer. Chega a súa filla, míraa con cara de susto e sinala ao chan. Laura, chea de curiosidade, ponse a inspeccionar a situación; a súa nai, morta de medo, dille que pare. María intenta explicarlle que o animal é perigoso e que lle pode facer moito dano, pero a nena nega coa cabeza mentres segue observando. Ve que a araña salta para capturar a súa presa; iso resúltalle sorprendente porque non atopa ningunha tea ao redor. Laura colle un bote de cristal e intenta capturala para vela de preto pero, sen querer, esmágaa.
A nai reláxase porque xa non hai perigo. Ao instante decátase de que Laura chora desesperada, séntese culpable; intenta calmala mirando o lado bo da situación, pero para ela iso non existe.
Chega a súa irmá do instituto. Non sabe que está pasando. Ve unha araña enorme e peluda esmagada no balcón. Ao achegarse, Natalia, que levaba semanas estudando os artrópodos en bioloxía, recoñece que non era un “monstro”. Explícalle á súa nai que era unha araña saltadora (Salticidae), que caza as súas presas sen usar tea. Grazas á súa visión telescópica e ao seu sistema hidráulico, estas arañas son moi boas cazadoras e, lonxe de ser perigosas, controlan as pragas da casa.
Natalia, que é tan curiosa coma a súa irmá, levanta o bote de vidro. Ensínalles que a araña deixara un fío de seguridade pegado ao chan, que usa como arnés antes de lanzarse a pola súa presa.
As tres quedaron admirando o rastro de seda que quedaba, o único resto da magnífica criatura que fora esmagada.