Skip to main content

Elías e a súa con-ciencia

Elías Xil

Elías Xil, un mozo galego que residía en Xapón pero con ideas internacionais, aínda que diso se decatará máis adiante, en principio só era un afeccionado á ciencia que non buscaba facer historia, senón entender o porqué das cousas, algo que acabaría comprendendo.
Elías era un rapaz extravertido, algo sociable, pero cun grupo de amigos ínfimo e cos que a penas se relacionaba fóra do instituto. Tiña 13 anos, pero reflexionaba como un de 15; aínda así, non era capaz de reflectilo no seu expediente académico. Hai que dicir que esforzarse, esforzábase, pero o xusto e necesario para non repetir curso, debido en parte a que, de seis horas de clase, cinco e media pasábaas poñendo a proba as leis da gravidade, algo que realmente o apaixonaba.
A curiosidade de Elías comezou un día no que tivo que quedar limpando o instituto, un costume típico en Xapón. A el correspondeulle ese día limpar a aula dos maiores. Todo foi como en cada quenda de limpeza: comezou polas mesas, a continuación o chan e, por último, e como de costume, o encerado. Nel atopou fórmulas e máis fórmulas, con distintas letras e números, ás que intentaba darlles significado. Non entendía case nada, pero algo lle chamou a atención. Aquelas fórmulas non estaban escritas de calquera maneira: seguían unha orde, como se agochasen unha historia secreta.
Por curiosidade, Elías pasou o borrador moi amodo por unha esquina do encerado. Debaixo apareceu unha ecuación aínda máis complexa. Detívose. Por primeira vez, non quixo borrar. Quixo entender que podían chegar a agochar aquelas simples e enrevesadas fórmulas, difíciles de comprender. Sen darlle demasiada importancia, volveu á casa e comeu.
Unhas horas despois, tras durmir a sesta, veu a el un ruxerruxe interno que lle facía preguntarse que podían significar aqueles efes cun dous enriba ou eses puntos entre letras. El aínda non o sabía, pero dentro del acendera unha bombilla que non daba sinais de apagarse nunca.
Sen máis dilación, buscou en internet o significado dalgúns dos símbolos que vira. Non entendeu moito, pero cada resposta levábao a unha nova pregunta. Descubriu que a ciencia non era só memorizar contidos e botalos nunha folla de papel, senón intentar explicar o descoñecido. E iso envolvíao nun mundo paralelo ao seu.
Desde entón, Elías comezou a fixarse en todo con outros ollos. Preguntábase por que caían os obxectos, como aprendían as persoas e se unha máquina podería algún día pensar como un ser humano. Aquel encerado, que debía ser borrado por el, converteuse sen sabelo no inicio do seu camiño científico.
Eli, como o chamaban os coñecidos, tiña unha irmá maior que xa non vivía con eles asi que para el era como se fora fillo único. O seu soño sempre fora compartir momentos con alguén que o escoitase, xa que a súa irmá non estivera presente e, agora que a ciencia o fascinaba, quería facelo realidade grazas a ela. Non sabía nin como nin cando o ía conseguir, nin moito menos de que maneira, pero se había algo que sabía ao cen por cen era que o lograría custase o que custase.
Eli comezou a cambiar. Chegou ao bacharelato e escolleu a súa paixón da infancia, esa curiosidade que nunca perdera. Era ela a que activaba as súas neuronas e as poñía a traballar sen descanso. Así comezou a converterse nunha persoa con propósito, sen saber aínda a onde o levaría ese camiño.
Co paso do tempo, Elías empezou a decatarse de que pensaba de forma diferente aos demais. Mentres algúns buscaban respostas rápidas, el sentíase cómodo dubidando e probando unha e outra vez. Non necesitaba entendelo todo á primeira; chegáballe con saber que cada pregunta o axudaba a avanzar un pouco máis.
No bacharelato comezou a traballar moitas veces só, probando pequenos experimentos que non sempre funcionaban. Algúns fracasaban, pero outros ensinábanlle que equivocarse tamén formaba parte da aprendizaxe. Así comprendeu que a ciencia non avanza de maneira perfecta, senón grazas a erros, intentos e decisións inesperadas.
Pouco a pouco, Eli foi desenvolvendo a súa propia maneira de investigar, xuntando a lóxica coa sensibilidade. Aínda non o sabía, pero esa forma de pensar sería moi importante no futuro. Algunhas das cousas que acabaría creando non xurdirían de plans exactos, senón de probas incompletas e fallos sen importancia aparente.
E sería precisamente esa forma imperfecta de facer ciencia a que, anos despois, o levaría a un descubrimento inesperado: que el se convertería en alguén que non só seguiría instrucións, senón que sería capaz de pensar por si mesmo.