Skip to main content

A iluminación

Calico

As pedras irregulares que formaban o camiño provocaban un son satisfactorio baixo os meus pasos. As construcións rocosas e milenarias de mosteiros coma este sempre me transmitían unha sensación de misticismo e tranquilidade. Estar a cargo dun grupo de adolescentes desinhibidos non resultaba demasiado alentador, mais tiña a esperanza de que, unha vez no museo, escoitar falar ao guía de historia monástica calmaríaos un pouco.

O guía comezou a explicarnos que O Mosteiro do Último Alba se chamaba así pola súa localización xeográfica, pois era o último punto da comarca ao que chegaba a luz do amencer cada día. Mentres recorríamos as salas, foinos ensinando a simboloxía típica dos monxes que habitaban o lugar dende épocas medievais. A representación máis famosa era un sistema solar gravado en pedra mediante círculos concéntricos. Aínda que primitivo (era un modelo xeocéntrico e mostraba só os planetas reconocibles a simple vista), revelaba a afinidade dos monxes pola astronomía, algo pouco común segundo o guía. O Sol distinguíase do resto de corpos orbitantes por catro raios que saían del formando unha cruz.

Non me sorprendeu que os meus alumnos interromperan a charla coas súas tonterías habituais. Dous deles levaban un rato lanzándose boliñas feitas con trozos do mapa do convento.

- Veña, parade xa e vinde conmigo.

Fíxenlles sinais para que me seguisen a unha sala contigua. Ao atravesar a porta, tropezei cun escalón e caín cara diante. Logrei deter o impacto cun xeonllo, pero a miña cabeza se puxo ao nivel do chan e, antes de incorporarme, dinme de conta dunhas muescas estrañas nun dos bloques de pedra da parede.

- Estás ben, profe?

Recuperei a miña compostura e advertín á parella de que se portasen ben, ou non sería tan benevolente á hora de corrixir os seus exames de física. Mandeinos de volta co grupo e, antes de seguilos, agacheime para observar de novo o meu descubrimento. Poderían parecer imperfeccións propias do paso do tempo, pero a curiosidade, en parte animada polo ambiente do lugar, fixo que quixese velo con máis detalle. Como non chegaba moita luz a ese recuncho, decidín imitar aos meus alumnos e darlle un uso alternativo ao mapa que tiña dobrado no peto. Cun lapis fun cubrindo a zona ata que os desniveis da superficie foron plasmándose en forma de partes escuras e claras no papel. Ao regresar a unha zona luminosa, puiden ver mellor o debuxo. Tratábase dun diagrama con puntos, algúns dos cales estaban unidos por liñas. Non tiven tempo de preguntarlle nada ao guía, xa que debiamos volver ao autobús. Ao regresar a casa, gardei o mapa gravado nunha carpeta coa intención de estudalo noutro momento.

Non foi ata seis meses despois cando, facendo unha limpeza xeral na casa, esa carpeta volveu ser aberta.

-Vaites, non sabía seguías estas cousas do zodíaco. - A miña parella achegouse e ensinoume o papel.
-Ah, isto? - Fiquei para el. - É dunha excursión que fixen co cole. Por que preguntas iso?
-Pois, se non me equivoco, esta é a constelación de Sagitario, non o ves?
-Unha constelación…?

Detiven a limpeza para facer unha busca en internet. Os trazos coincidían, o diagrama resultaba ser en realidade a constelación de Sagitario. Pero no meu mapa había un punto de máis, como se faltase unha estrela na constelación. A miña primeira reacción foi de desconcerto, aínda que tras unha breve reflexión, tiña sentido atopar representacións así nun convento cheo de monxes astrónomos. Entrei na páxina web do mosteiro e, tras escrutala durante un intre, atopei unha sección de curiosidades históricas. Explicábase que, como divertimento, algúns monxes dedicábanse a gravar as súas constelacións favoritas e retarse entre eles a atopalas. Resulta que eu tamén fun partícipe dese sofisticado xogo do escondite, pensei.

Deixaría pasar este suceso como unha anécdota curiosa se non fose porque, días despois, apareceu nas novas a publicación da primeira imaxe de Sagitario A*, un burato negro supermasivo que só con técnicas modernas de interferometría puido ser descuberto no século XX. Un corpo imperceptible á vista resultaba estar localizado no punto exacto no que a constelación do mosteiro mostraba unha estrela ‘de máis’. Acaso aqueles eruditos eran coñecedores precoces de física cuántica e de partículas, entendidos das singularidades de densidade infinita? Ao volver mirar o meu mapa calcado, convencínme de que fora unha coincidencia. Aquel burato negro orixinouse moito antes da existencia da humanidade. Predicir a súa posición xa resultaba un milagre para a xente inexperta hoxe en día, máis aínda naquela época. Era impensable que teorizaran co violento colapso de masa nun punto, e menos as súas consecuencias no espazo-tempo. Aínda así, seguín mirándoo ata que advertín que aquela ‘estrela errónea’ compartía os raios característicos do diagrama do famoso sistema solar do mosteiro. Fixándome máis, parecían formar unha cruz que tachaba o corpo celeste. Por que tacharían os monxes tamén …o Sol?