Skip to main content

Viaxe á Lúa

Camiño Agochado no Bosque

Era o único no que mentía nas roldas de prensa e entrevistas. En todo o demais era totalmente sincera. E iso que boa parte das súas respostas sinceras recibían críticas moi duras. Pero iso podía soportalo. O que non soportaba era a soa idea de admitir ante o mundo a verdadeira orixe da súa vocación, o motivo polo que de verdade comezou a estudar ciencias, despois estudou a enxeñaría na Universidade, e proseguiu coa súa carreira aeronáutica meteórica, como a calificaba a prensa, até chegar á Lúa.
Que opina de ser a primeira muller astronauta en chegar á Lúa? Sinceramente, non me parece ben; a primeira debería ter chegado moito antes, non neste ano. Marta Solano Gutiérrez non ve ben ser a primeira muller astronauta en chegar á Lúa. Viaxara vostede antes á Lúa coa súa imaxinación? Pois si, eu soñaba con esta viaxe, prepareime moito para ela, antes mesmo da instrución formal que recibín para esa fin. Marta Solano Gutiérrez, a primeira muller astronauta en chegar á Lúa, admite ter ido alí antes na súa cabeza. Como lle veu a vocación? Dende moi cativa sempre me gustou estudar, especialmente ciencias, e fun dando pasos no camiño da teoría á práctica. Marta Solano Gutiérrez, a primeira muller astronauta en chegar á Lúa, o que fixo á idade de 48 anos no presente ano, tivo clara dende moi cativa a súa vocación e traballou sempre nela até chegar a esta importante meta.
********************
En 1985, Ana tiña 23 anos e un milleiro de soños. Licenciada en Historia da Arte, mentres non topase algo mellor, era animadora de festas de aniversario infantís. Non a contrataban moito, malia cobrar un prezo moi económico, pero é que se negaba a vestirse de princesa. Vestíase cun traxe fluorescente que moitos só identificaban se lle preguntaban, e iso que, anticipándose ás dúbidas do público, colocárase un parche moi artístico que dicía CAPITÁ DA NAVE ARTEMISA. Había quen non lle preguntaba nada, aínda que a maioría si o facía. Desa maioría que preguntaba, a pregunta era de que ía vestida, sempre, agás no caso dunha nena que lle preguntara como era iso de ser capitá dunha nave. Unha nena ben curiosa, en tódolos sentidos do termo. Ana non retivera o seu nome, e pasara moito tiempo, pero algo lle dicía que era a muller das noticias.
********************
Marta atravesara unha fase de enorme rebeldía trala morte da súa nai cuando ela viña de facer sete anos. Deixou de estudar, o que peor levaba eran as ciencias, estaba moi triste e moi desmotivada. Para a festa do seu oitavo aniversario, o seu pai contratou aquela moza tan rara e tan asequible para a limitada economía deles. Marta xamais admitiría que a súa vocación nacera a partir dun ridículo disfrace.