Skip to main content

NON O DIGAS

Fénix de Hierro

Non o digas.

Iso é o que escoitei segundos antes de dicilo.

Non o digas.

Iso é o que meu compañeiro de traballo susurróume ao ouvido antes da catástrofe.

Non o digas.

Así me avisou o subconsciente, que por moito “sub-” que teña diante érache máis consciente ca min do que se aveciñaba.

Non o digas. Non o digas.

Tes que dicilo.

E o que pensei eu dende o momento en que as nosas investigacións chegaron á terrible conclusión que non esperabamos atopar.

Nós traballabamos cun modelo que non debía comportarse así. E, porén, comportouse.

O que pensei cando descubrimos unha verdade oculta pola corrupción e por intereses alleos á filosofía científica.

O que decidín facer para quitarlle a venda dos ollos ao mundo, máis polo seu dereito a ver o mundo como é que pola súa seguridade e felicidade.

Tes que dicilo.

E díxeno.

E todo acabou para min.

As miñas aspiracións. A miña carreira. Os meus dereitos. Todo iso desapareceu nese intre.

E a xente seguiu coa venda ben anoada aos ollos. Seica máis forte que antes. Seica tampouco lles interesa quitala. Nin a eles, nin a ninguén.

O meu compañeiro tiña razón. El calou. E foi ascendido. E seguiu investigando, investigando sen min. E co tempo, fixo un articulo “científico” que botaba por terra as nosas conclusións.

Os datos non mentían.

Mentían os informes.

Atou máis a venda. Seica cando llas quiten, descobren que non teñen ollos. E quedaralles unha boa marca vermella, collendo un parecido aos pandas.

Pero con sorte, e só con sorte, haberá xente que teña a venda frouxa. Xente que non permita que lle aperten a venda. Xente que afrouxe as vendas dos demais. Xente que non teña medo a dicir as cousas. Xente que investigue pola súa conta, que contraste.

Tes que dicilo.

Afrouxa a túa venda.