Skip to main content

A chama acendida

Calendas

Apagou os fluorescentes e pechou a porta. Ágata pechou a porta e foise. O laboratorio quedou entón un pouco máis ás escuras que de costume.
Aquela mañá fora ao médico e déralle a noticia. O atordamento inicial non lle impediu saír o máis rápido posible cara ó seu laboratorio e, alí, no seu territorio, onde se sentía segura, sentouse con calma, colleu un bolígrafo e escribiu nun papel unhas liñas coa letra máis clara que puido. Logo dobrou o papel e gardouno no peto da bata. A enfermidade, nalgúns casos, proporciona unha percepción nova das responsabilidades dunha maneira moito máis forte que a propia morte.
Un ano despois, nunha tarde dun día luminoso, agardaba unha visita especial. Xa notaba que chegaba a unha fronteira que sabía que non tería volta atrás. Soou o teléfono e anunciáronlle que a súa visita chegara e que estaba na conserxería. Tocou lixeiramente coas xemas dos dedos o papel que tiña no peto e respondeu que os deixasen pasar, que sabían o camiño. Por suposto que David sabía o camiño; o seu fillo estivo alí moitas veces. El sempre estivo orgulloso da súa nai porque sabía o que ela conseguira, aínda que tivera que sacrificar horas de estar con el cando era pequeno, malia que o mundo inxusto non recoñecera os seus descubrimentos.
Ese día David ía acompañado por Lucía, á que collía da man. Facía pouco que cumprira tres anos e a súa avoa quería agasallala con aquela visita ao laboratorio. Cousas de avoa, pensou el. Pero decatouse de que era algo máis en canto os recibiu na porta do seu despacho. Aquela mirada, que reflectía a vellez, agochaba un segredo, unha idea que parecía escurecerlle parte do iris, ese iris que fora azul celeste..
Con admiración, David contemplou como avoa e neta se movían entre as mesas, como a primeira lle explicaba para que servían as probetas e os matraces, como a apartaba o suficiente para poder acender o chisqueiro Bunsen e hipnotizala coas diferentes tonalidades da chama, como a subía para que puidese mirar polo microscopio. Tras dúas horas, David volveu coller a Lucía da man e foise do laboratorio sen saber que era o que escurecía o iris da súa nai.
Cando marcharon, Ágata sacou o papel do peto, desdobrouno e leu: “Chámaste Ágata e fuches científica toda a vida. O médico díxoche que o esquecerás”. E decatouse de que esquecería a David. E que tamén acabaría esquecendo a Lucía. Confiou en que, polo menos, a rapariga si a lembraría. Pero logo decatouse de que non era certo e sentiu vertixe e un medo que non percibira no ultimo ano.. Era unha vertixe que se deixaba tocar. Era unha vertixe ante unha desaparición inminente. Aquela noite, un fluorescente quedou acendido no laboratorio.
Ágata xubilouse de forma anticipada e o mundo desvaneceuse na súa mente nos seguintes tres anos, nos que David xa puido decatarse do segredo que a súa nai ocultara.
Anos despois, cando nin Ágata nin David podían velo, a historia, dalgún xeito, fixo xustiza e fíxose eco da científica que non puidera ter o privilexio de coñecer en vida o xuízo da posteridade. Lucía recibiu o Premio Nobel de Química, a primeira muller española en conseguilo. No seu discurso, recordou as cores da chama do chisqueiro Bunsen da súa avoa.