Skip to main content

O Método Científico Reacciona Co Amor

Julieta Pérez Luna

O MÉTODO CIENTÍFICO REACCIONA CO AMOR…

1ºOBSERVACIÓN

Canso estou de escoitar aquela repetitiva melodía todas as mañás. En efecto, apresúrome para detela de calquera xeito. Hoxe, foi o meu boneco da infancia o encargado de calar o espertador tras un brusco empurrón pola miña parte.
Sendo honesto, xamais comprendín –nin o farei– o obxectivo da rutina. Que sentido ten repetir todos os días o mesmo? Que graza ten ser un río se o camiño é idéntico sempre, sen ningún tipo de bifurcación? Oxalá unha pequena alteración no experimento puidera amosarlle ao ser humano que non ten nada baixo o seu control, por moito que se engane.

–Non te preocupes, –adiantouse a dicir aquela nova rapaza con acento francés ao reaccionar ao meu errado intento de pretender que non estaba a pasar daquela aburrida clase, decidindo aparvarme nos meus esbozos– eu tampouco acabo de comprender o número de Avogadro.

Acabou de acomodarse ao meu carón. Tranquila mais, disimuladamente, tamén escolleu disociarse do presente para se adentar naquelas pouco atractivas láminas de papel dentro do seu libro. O seu mundo.


2º ELABORACIÓN DA HIPÓTESE
Sete meses despois

Erguinme tres minutos antes ca propia alarma, hábito que comecei a naturalizar. Non obstante, decidín deixala soar. Ao final, supoño que xa me acostumara. Supoño.

En realidade, ese pensamento tomoume por sorpresa, retumbando un bo anaco no meu interior. Porque, desde cando tiña eu tanto entusiasmo por erguerme? Foi tan paulatino o cambio coma a transición dunha larva á tan desexada papoia. Entón, convertérame nunha colorida bolboreta que deixara atrás a repugnante larva? Cando? Como?

–Lúa! –berrei inmediatamente ao vela achegarse–. Que fas no campo de fútbol un mércores ás nove da mañá? Se nin sequera a escolliches coma optativa. Ademais, segundo as túas continuas queixas con respecto do horario, non terías que estar durmindo, sendo este o teu único día no que comezas máis tarde?
–Xa, –confirmou cun sorriso–. É que non me podía perder por nada do mundo o partido no que o meu mellor amigo vai conseguir ser finalmente recoñecido coma a estrela que é –rematou a súa confesión apertando as miñas fazulas–.

Eu, pola miña parte, só souben reaccionar noutro universo paralelo a este porque, neste, o único que conseguiu continuar coma resposta foi o meu corazón.

Por un momento...
Por un momento... Todo o que presenciara fora ela e máis eu... Nós.
(Quizais).


3ºEXPERIMENTACIÓN
O crepúsculo.

O crepúsculo da tarde. O Sol admite a súa derrota e marcha. Marcha e deixa á verdadeira estrela brillar. Porque aínda coas dúas palmas nas miñas pálpebras consigo sentir a súa incesante luz.

Camiñamos sen procurar o rumbo, mais a vivencia do momento que preguizosamente intenta ser eterno. Sen interrompelo con palabras baleiras. Porque naquel instante, eu nos seus ollos e ela nos meus, decatámonos de que o esencial non se di con palabras que se pronuncian para acabar en partículas perdidas no fondo do mar.

O crepúsculo.
O crepúsculo da tarde. O Sol admite a súa derrota e marcha. Marcha e deixa á Lúa brillar.





4ºANÁLISE DOS RESULTADOS
Luns, 06:00am

O repugnante reloxo vólvese activar. Todos os días. O mesmo momento. Quen podería seguir actuando con normalidade como se nada pasara?

A miña avoa apágao por min. Eu mergúllome nas sabas aínda máis. Sinto como lle pesa a consciencia de deixarme só cos meus pensamentos ao dubidar entre saír ou repetir as mesmas palabras motivadoras dos últimos días.

Silencio.

Unha porta ábrese pero, na fiestra... na fiestra un avión parte.
Unha bágoa. Dúas. E tres.

Martes, 05:59am
Todos os días. O mesmo momento volve comezar.


5ºDEFINICIÓN DE LEI E TEORÍAS

A carta xamais enviada perde a súa cor, engúrrase coa auga deixándose afogar. Esquece o escrito, esvárase para nunca volver.
Míroa, así, sen máis. Déixoa marchar. Como a Lúa.

Porque o xogo é divertido, abofé que si. Pero cando perdes... aínda que falles tes que continuar porque a partida non acabou.
Aquilo non foi o final, aínda non sabes co que te podes atopar.

A lei do xogo é seguir adiante ata chegar á casa final do taboleiro. Existan os imprevisto que existan.


6ºPUBLICACIÓN DOS RESULTADOS

Non é necesario contar o que se ve, o que se sente.

Eu amei a Lúa sen que ninguén me dera unha clase sobre o amor. Nin sequera pasei ningún exame con relación ao tema.

Quizais por iso non a souben amar.