A estatística é incuestionable
Víctor Castro
—A estatística é eficiente, é xusta, é incuestionable —era a fórmula coa que a presentadora despedía habitualmente o telexornal da noite, o programa máis visto do país.
Dende hai case medio século, todas as decisións importantes do país tómanse coa normalidade que supón un complexo cálculo estatístico. Xa dende antes de nacer estás baixo os efectos do modelo: é este quen decide o momento axeitado para a concepción. Deste xeito, o 99,1 % dos nacementos son desexados e as listas de espera programadas permiten programar todos os detalles con antelación. Por fortuna, así non hai sorpresas.
O modelo é quen xuntou a teu pai con túa nai. Só o 4,5 % dos matrimonios así concertados rematan en divorcio. Un dato que se espera poder rebaixar coa próxima versión. O equipo estatístico do Estado está perfilando o método de cálculo da data de consignación para que os aniversarios coincidan co máximo índice de estabilidade.
Ao longo dos meus 30 anos nunca gastei tempo en reflexionar sobre decisión vital ningunha. Só tiña que consultar os datos no modelo e implementar a opción óptima. Até me axudou a superar aquela época de tolemia na adolescencia na que me sentín atraído pola pintura. Por sorte, mantiven a cordura suficiente para decantarme polo posto de envasador de iogures que o sistema suxería cun óptimo 63 % nas perspectivas de carreira. Hoxe estou marcando uns aumentos de produtividade de case un 0,5 % anual. Nin por un momento me arrepentín de abandonar aquela arte tan disparatada. Hai que ver os paxaros na cabeza que chegamos a ter na xuventude.
Pero, ás veces, faise duro aceptar o sistema. Acabo de recibir unha notificación no meu dispositivo: «Tras unha análise exhaustiva levada a cabo polo método #$345.1, vostede non cumpre co perfil medio para manter unha parella de forma satisfactoria. Debido ás altas desviacións que presenta en padróns afectivos, ten unha probabilidade do 85 % de ruptura antes de 24 meses. Por este motivo, rexéitase a súa petición ERG-2456 e infórmaselle de que non pode volver solicitar ser emparellado, baseándose no custo administrativo que supón cada solicitude. Esta decisión non afecta á súa situación laboral. Esta decisión non afecta á súa contribución social, que se mantén dentro dos parámetros óptimos. O equipo estatístico recomenda que centre os seus esforzos en ámbitos de alto rendemento.».
Tiña unha hora prevista para ocio, pero no canto de ver unha película decidín revisar os datos aos que teño acceso no meu perfil. É certo. Os números non menten. As miñas métricas afectivas son as que son. Un 50 % en menos dun ano, un 85 % en dous, un 98 % en catro. Precísanse cinco anos en parella para poder solicitar un embarazo. A ninguén llo asignan en menos de oito. Sería unha completa perda de cartos e de recursos asignarme unha parella, tal e como están as cousas.
No tempo de ocio de mañá vou solicitar a inscrición nun curso de estabilidade emocional. Segundo a publicidade, podes reducir as interaccións impulsivas até nun 30 %. Iso mellorará os meus indicadores e estou case seguro de que a avaliación na asignación de mascotas será positiva. Agora que queda descartada a parella, moito me prestaría ter un can e seguro que co curso o consigo.
De todos os xeitos, o cuestionario de proba que acabo de facer dáme unha viabilidade do 89,91 %. Realmente será necesario o curso? Case sempre acerta o resultado que ofrece a avaliación oficial, que ten un carácter máis ben legal, co que obter un certificado válido. As dúas semanas do curso suporían unha traba na miña produtividade e quizais non me permitan acadar os obxectivos anuais.
Por outra banda, sempre podo pensar nalgunha alternativa. Quizais unha mellora nos envases. Unha presentación máis atractiva, unha ilustración a carón das porcentaxes que indican os beneficios do iogur. Creo que é boa idea, si, algo que lle pode gustar á xefatura.
Pero... un momento. Que é iso? Acaba de aparecer un botón na pantalla, no meu perfil, que nunca estivera aí. Ao premer, leo que «o suxeito presenta unha tendencia residual á expresión gráfica. Prevese que propoña cambios nos envases. Predición do modelo: aumento dun 0,2 % no atractivo, redución dun 0,27 % na eficiencia da liña de produción. Clasificación: “variable de baixo impacto produtivo”».
«A estatística é eficiente, é xusta, é incuestionable», dixo antes a presentadora, coma sempre. Nunca coma hoxe entendera tan ben o seu significado. Mañá inscribireime no curso.