Londras

“¡Mira, mira! ¡es la nutria!”. Mirou fixamente nas augas do río e observou o movemento. O corpo nadando maxestosamente. Debuxando rutas perfectas. A pel coma de neopreno. Precioso animal. Lobo de auga. Tiburón de auga doce. E, á vez, tan doce. Sorriu con ledicia. As crías de lontra adoitan saír en vídeos como seres adorables ós que calquera persoa quere dar unha aperta. Viu tamén ó lonxe algún pato e a garza real, súa vella compañeira.
Volveu mirar. Esfumouse o soño. No río xa non había nada. Nunca o houbo. Dende hai un tempo na auga, se é que queda auga, só nadan os plásticos, os residuos doutras épocas. Lembra cando o seu mozo, que despois se convertería no seu marido, valisoletano de nacemento, lle preguntaba se vía “nutrias”, como el dicía, no río Sil. Lembra a alegría que levaron cando viron unha xuntos por primeira vez. Agora tampouco el estaba. Quedaba o recordo. E a esperanza…Tal vez un día, polo menos as lontras, volverían ó río Sil.
Mirou esta volta o reloxo. 14:02, 12/01/2099.
  • Hits: 61