An Gorta Mór

O fungo produce que a pataca podreza e pasa tamén ós tubérculos pois a chuvia arrastra esporanxios das follas ata o solo e os tubérculos inféctanse a través das lenticelas. As súas zoosporas son atraídas mediante estímulos químicos polas raíces; isto sucede nas distintas especies ....
En verdade que a vida e os recordos adoptan múltiples formas e corpos, feitos dunha materia e enerxía que flúen nun movemento circular .
Sinto un cansazo intenso, horas nos camiños, tempo de non durmir, os días da viaxe esgotaron as poucas forzas que me quedaban. Aínda son novo, levo comigo os recordos dos días grises cheos de brétemas que traian o olor da podremia das leiras, días de fame. Agora encóntrome diante do meu futuro, un barco con aspecto sombrío, como todo o que me rodea, xente baixo a chuvia, caras sen apenas carnes, choros de meniños chamando pola leite da nai. Máis alá, no fin destas augas está a nosa esperanza.
....
O barco saíu, os familiares, agás o avó, están no peirao. El non quixo vir, a miña marcha tráelle malos recordos, daqueles días grises. Agora eu debo facer no outro sentido a viaxe que o trouxo a este país. Vou a unha guerra, din que pronto se vai acabar e que a imos gañar. Dende onde estou aínda podo adiviñar a cara de preocupación dos que deixo atrás.... Xa hai un par de semanas que cheguei ó meu destino, o corpo xa o empeza a notar, a falta de sono fai que o frío e a lama destas trincheiras se vai metendo nos ósos. Estamos preto do verán pero nestas foxas segue facendo frío, o inverno non nos quere abandonar. Espero co resto do batallón, pacientemente por unha sopa que apenas traerá uns anacos de patacas entre sospeitosas frangullas escuras, aínda que non son gran cousa cando chegan son un alivio para os nosos corpos. .... Acabo de recibir novas da casa, a saúde do avó está empeorando, espero que non sexa nada grave, dise que pronto estaremos de volta. Aquí na fronte apenas hai xa combates pero a morte non perdeu as súas mañas, a febre das trincheiras vai deixando paso ós poucos a outro inimigo a outra febre, unha gripe estraña que din tamén anda facendo estragos por todo o mundo. ... A enfermidade e con ela a morte non se refuxia, nunca deixa de avanzar.
...
Sinto o corpo a gusto, o almorzo fai o seu traballo, o leite quenta os capilares que levan a vida ata as últimas partes do meu corpo. Saio da casa para aliviar os nervios, permito que os meus músculos fagan inconscientemente o seu traballo, frego as mans ata que se quentan. Este mes de marzo tróuxonos unhas temperaturas máis baixas do normal. Quedan nas beirarrúas pequenas moreas coas últimas neves. Antes de saír bótolle unha ollada á foto que hai colgada na entrada da casa. Nela aparecen os MacNulty o pai, seu fillo e o neto que polas cuestións do azar e da xenética se convertería medio século despois no meu avó. Distínguese ó fondo a forma singular dun edificio rodeado de estadas a medio facer. O retrato é como unha pequena xoia familiar, que me fai recordar quen son e de onde veño. Hoxe vou recibir un galardón pola miña colaboración nun proxecto. O grupo co que traballo no Centro Médico Langone da Universidade de Nova York, foi capaz de empregar a capacidade innata para infectar que de por si ten un ser vivo para proporcionar unha cura a unha enfermidade. Neste caso, trátase do fungo, Phytophthora infestans, que dende séculos leva atacando as plantas da pataca ata que podrecen. O que fixemos foi introducirlle mediante a técnica do ADN recombinante o xene da solanina que a planta produce de xeito natural. Este glicoalcaloide modificado é unha substancia tóxica que aplicada no sitio adecuado, non sabemos certamente como, se pola súa acción ou pola reacción do propio organismo, repara as mucosas intestinais. Non só iso o fungo transxénico –ó que empaquetamos en micro-pílulas resistentes e intelixentes - parece ser capaz de detectar as substancias químicas que liberan as zonas ulceradas e crecer nelas tapizándoas como se dun bálsamo se tratara. En poucos días obsérvase que a zona recupera o seu aspecto, e a permeabilidade e motilidade da zona volven a valores normais. Ademais, o seu carácter invasor non supera a parede intestinal nin é capaz de prosperar en zonas sans.
Os nervios van acougando, no parque os esquíos dende as alturas das árbores seguen o pasar dos peóns e dos coches eléctricos. A miña andaina levoume ata aquí. Miro enfronte e vexo a figura inconfundible do Flatiron. Xa hai máis de cen anos que todo está rematado.
  • Hits: 69