Un átomo sen patrón

Apura o vaso ata a última gota sentado nunha rocha ao pé das ondas do mar. O salitre salpica a súa pel mentres tenta afiar os seus sentidos para despedirse de todo. O seu rostro mostra as feridas que a vida esculpiu na seu corpo durante os últimos meses, e os seus ollos pérdense no tímido círculo vermello dun Sol que se agocha no horizonte. Fai calor e a camisa se lle pega, é un día de verán, destes no que o ceo incéndiase de reflexos laranxas.

Non se da conta, pero a rocha de trinitita que agarra nas mans brilla como nunca. Os seu tons vermellos reciben o solpor con alegría, e o cuasicristal que leva dentro parece palpitar. Non o escoita, pero seguro, que se estivese algo máis lonxe do mar, podería sentir o seu bater.

Aperta a pedra con tanta forza que se corta coas partes máis afiadas. Quere sentir esa dor. As imaxes do sorriso da súa filla pequena, da súa mirada, e o tacto dos bicos da súa muller escapan por cada poro da súa pel. Facer o que está facendo déixao baleiro, pero non pode vivir con esa pedra maldita na conciencia. Demasiada dor.

O Sol comeza a arquearse coa liña do mar e o ceo explota en cores. Un pouco máis arriba del, as persoas sacan os teléfonos móbiles para reter o momento, pero non lles atende. Finalmente decidiu mirar por última vez a rocha. Palpita. Parece que o mira. Move os seus dedos feridos pola súa superficie, e sinte como os átomos do cuasicristal interior móvense sen seguir ningún patrón común. É un cristal que non acepta as normas, é un fillo do demo que fuxe da disposición en celosías que teñen a maioría, dende o sal ata o diamante.

Parece que a pedra ri del. A súa metódica razón, adestrada por anos en varios laboratorios, faille renegar da maxia, da superstición, pero sabe que eses cristais gozan coa súa culpa. Sabía ben que algo tan destrutivo non podía ser gratis. Sabíao cando aceptou o proxecto, pero precisaba o diñeiro para eliminar a incertidume durante toda a súa vida. Sabía cando viu a explosión na pantalla, e sabíao cando aceptou esa rocha. Dalgunha maneira pensaba que a memoria de todas esas persoas non podía ser considerada unha atracción de museo.

Imaxina como foi o momento no que naceu ese cristal. Unha pequena sombra caeu do ceo silenciosa sobre unha cidade como a del, chea de xente normal, con defectos, pero tamén con moitos amores. Nun momento que se fixo eterno a sombra converteuse nunha terrible explosión, a fisión provocou temperaturas que asaron milleiros de realidades en cuestión de segundos, e a cidade coas súas familias desapareceu. E nesa espiral de morte, os átomos colisionaron ata formar ese cristal que recolle no seu interior toda a desgracia que deixou a súa bomba.

Aquel día soaba na radio unha canción de The Smiths. Repetía unha e outra vez I know it s over… E el hoxe sabe que se acaba todo. Non pode vivir coa culpa de ser o creador dese cristal, desa combustión que matou tanto. Levaba varias noites soñando coas últimas miradas que todas esas persoas se regalaron... Das súas despedidas, do seu amor... Xa non pode máis. Non pode cargar con todo iso, non é tan forte.

O Sol desaparece. O cristal deixa de brillar. El pensa por última vez na súa filla e na súa muller, seguro que o están a pasar moi ben no concerto, seguro que bailan pensando en nada. Bailan porque son felices, e merecen ser felices. Sen quitar eses rostros da cabeza métese no mar agarrando a trinitita con forza, e mergúllase coa intención de non respirar máis. Comeza a sentir o veleno bombeando por todo o seu corpo.

Seguro que, como aquel día, nalgunha televisión soa I know it s over.
  • Hits: 76