Alerxia

Semellaba un día tranquilo cando Pole cruzou a fronteira. Como facía este traxecto todas as primaveras, a actitude das APC que vixiaban o borde pillárono por sorpresa. Pedíronlle a documentación como de costume, pero desta vez saltaron as alarmas. Mentres Pole permanecía retido á espera de que alguén lle explicase o que estaba pasando, a cidade vivía unha verdadeira odisea. Comezaron a soar as sirenas: Pole foi identificado como un dos criminais máis buscados a nivel internacional.
O que el non sabía é que nas súas anteriores incursións á cidade, as APC se puxeran en contacto coas células T. Unha vez recibiron a chamada, as células T enviaron interleucina 4 ás B para alertalas. Este código en clave foi o único que precisaron para poñerse en acción. A partir dese momento, cada vez que Pole se achegaba ao límite fronteirizo, as células B imprimían IgEs. Estes documentos, nos que aparecía a cara de Pole baixo o letreiro de “PERIGO”, comezaron a encher as rúas. Toda a cidade coñecía xa a cara do inimigo.
Isto motivou aos mastocitos e aos basófilos, que xa estaban cansos de ver a súa cara en cada recuncho da cidade, a coleccionar armas cada vez máis destrutivas á espera de que volvese aparecer. As súas ganas de rematar dunha vez por todas co inimigo fixéranlles perder a cordura e xa non medían as consecuencias dos seus actos. A partir desta mañá, todos os paseos de Pole ían ser contestados con violencia.
En canto o grupo armado atopou a Pole, non dubidaron en abrir fogo. A histamina liberada na carga xa enchía a garita na que se atopaba retido. Esta substancia daniña pronto se estendeu por toda a cidade e as rúas convertéronse en riadas de moco que dificultaban o tráfico.
Xa non o soportaba máis! Esbirrou.
  • Hits: 73