O final dos seus días

Ocórreulle sen darse conta, aínda que o seu entorno familiar axiña comezou a decatarse do que estaba a acontecerlle e, por suposto, do que viría no futuro máis próximo. Aquela muller tan retranqueira no seu falar, áxil nos seus pensamentos e respostas nas conversas, un día comezou a sentirse confundida.

Non comprendía coma xa non se lembraba se tomara as menciñas no almorzo cando xa estaba xantando ou se cando se deitaba na cama á noite, fóra falar coa veciña para arranxar coma ían facer para ir recoller a herba para o gando. Mais non era o único que non lle encaixaba no seu día a día. Decatouse de que xa non se lembraba do que preparara para xantar antonte, nin se comera ou non. Nunca dixo nada a ninguén, coitada, porque cría que a tomarían por tola ou que lle preguntarían que se lle pasara algo ou tomara algo en mal estado. Sen embargo, os seus familiares sen que ela se dera conta, estaban axexando cada un dos seus movementos para actuar en consecuencia. O único que querían era que a patoloxía que herdara da súa nai, non lle afectara demáis nas súas costumes xa que, pouco se podía facer ante o avance da demencia senil que aparecía nas súas vidas.

E así e todo, o tempo parecía que xogaba ó seu favor, xa que, de súpeto un día voltou a ser a muller espelida que era antes. Coma se toda aquela confusión dos primeiros días, fora un espellismo. Porén, o deterioro cognitivo que estaba a padecer nos seus estadios iniciais, non ía desaparecer coma se néboa se tratase e eses espellismos, ían desaparecer co tempo. O avance da demencia senil, paseniñamente, fixo que esa confusión inicial, dese paso a un sentimento de impasibilidade e desleixo, ante o que a súa familia pouco máis que podía facer que tratar de ter paciencia e axudala a vivir o seu envellecemento coa mellor calidade de vida posible.

Ámbalas dúas partes, familia e profesionais médicos entre os que se atopaban o seu médico de antención primaria, a súa neuróloga e o seu psiquiatra chegaran á decisión de abordar a situación clínica da muller do xeito menos invasivo posible. Decidiran non ingresala nunha residencia de maiores para evitar que os seus costumes mudaran de súpeto (aínda que para algúns familiares, o motivo tamén fóra a mala xestión das mesmas que coñecían por outros coñecidos e polo que saía nos medios de comunicación), dárlle medicación para diminuír certos síntomas característicos que puideran aparecer (desvaríos e desvelos, fundamentalmente) e solicitar axuda de atención socio-sanitaria para as tarefas de aseo persoal e autocoidado.

A primeira decisión foi acertada. A muller, acostumada ó seu lar, mantíñase calma. Se ben é certo que algunhas visitas producíanlle certa incomodidade por mor da imposibilidade de participar na conversa, o resto do tempo, o seu estado emocional oscilaba entre a ausencia e os momentos de ledicia, onde animada, contáballe ós seus cales foran as súas falcatruadas máis soadas feitas cando era cativa. Momentos que a familia sabía que debía gardar na memoria, pois serían cada vez máis escasos.

Coa medicación, tiveron máis problemas. A muller parecía ter certa sensibilidade a estos fármacos coma os moduladores da serotonina, os neurolépticos ou os antipsicóticos. Algúns parecía que non lle facían ningún efecto e outros, actuaban intensamente activando ou agravando os síntomas que deberían inhibir. Mais sen dúbida, co que máis satisfeitos quedaron foi co servizo de atención socio-sanitaria que solicitaran ós servizos sociais.

Noor, a auxiliar, traballou para que a muller non perdera a súa dignidade cando precisou de cueiros para reter os ouriños e feces que excretaba sen darse conta, de evitar as éscaras pola falta de movemento mediante diferentes cambios posturais, que con moita paciencia e esforzo físico Noor, aplicaba sobre aquela muller que ía esvaéndose pouco a pouco da vida. Tamén foi Noor, quen lle explicou á familia que a nutrición enteral sería fundamental na vida de aquela muller e que deberían aprender a empregar os espesantes para darlle de beber e suplementos proteicos para as dietas semi-líquidas que, por mor da disfaxia, eran ás únicas que aquela muller co paso do tempo, era capaz de comer.

E así foron pasando os días, as semanas, os meses e os anos. Mais aquela muller, pese ós esforzos de todo os seu eutorno, ía pechándose máis sobre sí mesma. Xa case non falaba con ninguén, só miraba para os ollos dos seus coma se o vacío ollase. E un día, eses mesmos ollos noutros tempos sorrintes e pilos, pecharon para sempre.

Hoxe en día a esperanza de vida está medrando, pero non se chega sempre cun envellecemento activo e unha calidade de vida óptima para esas idades. Hai veces que ata para morrer, hai que aprender a vivir.
  • Hits: 84