O son do universo

Dende o seu nacemento, ou incluso antes, Aleixandre escoitaba cousas que outros humanos non podían.

Pasou por moitas mans de expertos e especialistas de moitos ámbitos, dende otorrinos ata psiquiatras, mais o único resultado ó que chegaban era que o neno era un xenio!

Detectaron un problema coñecido como misofonía ou hipersensibilidade auditiva, pero ó mesmo tempo un oído absoluto co que podía reproducir calquera melodía, calquera nota, con só escoitala. Parecía marabilloso. Unha pouca dor de cabeza polo excesivo ruído a cambio dun don musical.

Pero había unha nota que Aleixandre non podía reproducir.

Pasaron os anos, e o rapaz dedicou a súa vida á música. Dende conservatorios ate escolas superiores de artes musicais. Estudos teóricos e prácticos, teses e centos de concertos con bandas sinfónicas. Sabía tocar máis de 50 instrumentos, aínda que os seus favoritos e predilectos eran o violín e o piano.
Moito tempo pasou investigando a súa doenza. El chamáballe así porque era un son constante, que levaba toda a vida escoitando de fondo. Por debaixo de tódalas voces, de tódolos paxaros cantores e de todo o ruído do mundo, Aleixandre escoitaba algo.

Moita xente dicíalle que eran imaxinacións súas, ou que eran problemas do tímpano. Nos momentos de máis estrés da súa vida, ese son intensificábase, e a única maneira de non concentrarse nel era tocando. Aleixandre collía o seu violín e poñíase a tocar como loco, ás veces sen sentido, ás veces sen melodía, só outros sons que o afastasen dese ruído infernal. Resultábanlle moi agradables os tons agudos, de aí que moita xente non apreciase as súas creacións propias por consideralas "demasiado excéntricas".

Todo iso foi nos seus primeiros 30 anos de vida. Continuou compoñendo, pero houbo un cambio de estilo cando Aleixandre descubriu qué era esa doenza. Ese son continuo que resoaba na súa cabeza era unha nota moi grave.

Era un gran avance, xa que durante 30 anos foi incapaz de analizar ese son como se realmente fose unha nota musical. Ó principio quería calmalo, que deixase de soar, abstraerse del. Agora o que quería era atopar esa nota.

A súa investigación levouno a empregar instrumentos coma o piano de oito oitavas ou o octobaixo (un instrumento de corda frotada similar ó contrabaixo pero de 3 cordas e cerca dos 4 metros de altura). Mais o toque grave destes instrumentos dotaba ás súas creacións dun ambiente lúgubre. Un cambio bastante destacable na súa carreira que comezara como neno prodixio, mozo excéntrico e agora adulto depresivo.

Aleixandre tocou os dous instrumentos máis graves do mundo e aínda así, non atopou a nota que estaba a buscar. Pero unha década despois destes estudos, a súa investigación deu un paso máis: a nota que buscaba non pertencía ó espectro audible do ser humano. Pero como podía ser iso posible?
Nesa etapa da súa vida foi cando o deron por loco. Comezou a investigar pola súa conta, pero todo o mundo se escandalizaba cando escoitaba o que pretendía. "Eses sons poden matar, Aleixandre", era o que escoitaba tódolos días. E era certo. Os infrasóns que estaba buscando fixeron enfermar a moitos científicos cando se estudaron anos atrás.

Pero cada vez Aleixandre estaba máis preto da resposta e non quería parar. Un ano desa década, conseguiu localizar un equipo que estaba a desenvolver un software capaz de reproducir infrasóns de forma dixital. Aleixandre non dubidou e prestouse voluntario a probalo. O resultado deses meses de estudo e probas foi unha morea de xaquecas e moitas náuseas. Mais nin rastro da nota que buscaba.

Cando Aleixandre cumpriu os 50 anos, a súa cabeza sufría crises onde podía dende tirarse na cama a retorcerse da dor de cabeza ate coller tódolos instrumentos que tiña na casa e poñerse a tocar coma un loco. "Igual estou loco" pensaba ás veces, "igual nunca estiven ben".

Aleixandre xa non sabía que facer con toda a súa investigación. Parecía que estragara os seus anos de vida intentando resolver un misterio do que ninguén era consciente máis ca el. "Morrerei sen sabelo?" pensaba sempre.

Pero o día chegou. O día chegou no que Aleixandre leu algo e tivo unha revelación. No que tivo que preguntar a tódolos seus coñecidos do ámbito científico se era posible, se era verdade. Non podía crelo. Non era posible. Ou si?

Todo pasou cando estaba lendo unha revista de divulgación científica e atopou unha referencia a un libro onde se falaba de buratos negros. O que tanto impactou a Aleixandre foi ler a frase:

"As ondas sonoras xeradas por un burato negro están en Si bemol, 57 oitavas por debaixo das teclas dun piano".

O que tanto impactou a Aleixandre foi descubrir que o que levaba oíndo toda a súa vida era o son dos buratos negros.

O son do universo.
  • Hits: 78