Loita pola supervivencia

⸺A loita é inevitábel ⸺dixo o comandante desalentado.
⸺A súa idea era boa, mágoa que ningún dos planetas fríos do noso Sistema Solar reúna as condicións que eses seres necesitan para vivir ⸺respondeu Xan tratando de levantar o ánimo do seu superior.
⸺O que lle sucede aos habitantes de Xenatio é terríbel, se fose o noso planeta o que se saíse da súa órbita e nós soubésemos que ía pasar tan preto do sol e que este o abrasaría todo cos seus poderosos raios, estaríamos tan angustiados e desesperados coma eles ⸺comentou o comandante, cada vez máis abatido, deixando ver un ton pálido no seu rostro engurrado.
⸺Estou de acordo, e tamén recorreriamos a todo con tal de salvarnos, estou segura que xuntando as nosas mentes e capacidades tecnolóxicas acharíamos outra solución, mais cando non existe unha certeza absoluta sobre algo e a vida corre perigo, o medo gánalle a partida á razón ⸺engadiu Icía mantendo a mirada fixa a través da xanela dende a que se podían ver os raios refulxentes do sol.
⸺Ese factor unido á alta estima que teñen no poder da súa nave fan imposíbel tratar de convencelos para buscar outra opción xuntos ⸺expuxo o comandante con resignación.
⸺Comandante, queren contactar de novo con vostede.
⸺Active o lector holográfico e pásemos, grazas Icía.
⸺Non se esforce comandante, xa lle dixen que a única solución para a supervivencia do meu pobo é destruír o sol, os nosos científicos xa contemplaron todas as opcións ⸺dixo Doku sen mudar a expresión do seu xélido rostro, semellaba unha figura de xeo vivinte.
⸺Se non sumamos esforzos nunca o saberemos ⸺retrousou o comandante.
⸺Os humanos estades a anos luz do noso poder científico-tecnolóxico, dinvos un período para buscardes unha alternativa por respecto, mais este rematou. Se non fuxides o noso canón atómico desintegraravos coma polvo, ao igual que fará co sol, e todo dun só disparo ⸺concluíu Doku de xeito ameazante.
⸺Ben, cortaron a conexión. Debemos pasar á ofensiva decontado ⸺advertiu o comandante.
⸺Señor, o noso radar xa non capta a súa nave ⸺dixo Xan temeroso sen deixar de rañar a súa frondosa barba loura.
⸺Estarán agochados detrás dalgún asteroide. Avisade a Felisa e Antón, dicídelle que se dirixan á sala dos canóns e se preparen para pasar á ofensiva. No momento no que albisquen a nave, que lle apunten ao canón atómico, temos que tentar destruílo, mais sen abandonar a nosa posición. Creo intuír as súas intencións e puntos fracos.
⸺Comandante, non funcionan as conexións, deben estar empregando algunha especie de inhibidor de longo alcance ⸺interveu Icía, visiblemente alterada.
⸺Era de agardar, tratarán de poñernos todas as trabas que poidan para deixarlles vía libre, se fas favor vainos avisar de contado mentres Xan e mais eu tratamos de pescudar a súa posición exacta.
⸺Acabo de percibir algo estraño, vin como un asteroide facía unha desviación atípica, coma se batese contra algo, coido que a nave dos Xenatios ten a capacidade de converterse en invisible.
⸺Moi boa observación, Xan! ⸺proferiu o comandante con satisfacción.
⸺Comandante! Comandante! ⸺Gritou Icía mentres irrompía na estancia. ⸺Felisa e Antón están mortos, foron asasinados ⸺dixo entre bágoas mentres o comandante collía a súa pistola láser e disparaba en dirección a Icía, acertando na testa dun xenatio que acabara de aparecer polas súas costas. O impacto converteuno ao instante en bloques de xeo, matándoo.
⸺Como lograron entrar estes condenados!? ⸺Berrou o comandante.
⸺Coido que teñen a capacidade para teletransportarse ⸺explicou Icía mentres se secaba as bágoas que foran cortadas de raíz a causa do susto que acaba de levar.
⸺Temos que manter a mente fría a pesar da perda dos nosos compañeiros, a vida de todo o planeta Terra depende diso ⸺alertou o comandante. ⸺Debemos permanecer xuntos, tende a arma a man, vaiamos todos xuntos á sala de canóns e deixemos a ponte de mando baleira. As miñas pescudadas cada vez teñen máis sentido, necesitan que nos apartemos da traxectoria do sol, o seu canón atómico non é tan potente como para destruír a nosa nave e o 100% do sol dun só disparo, e se os meus cálculos enerxéticos son correctos, só van poder realizar un intento.
De socate, a sala de mandos comezou a cubrirse dunha néboa xélida que os deixou sen visibilidade, percibindo tan só o cheiro a humidade que arrastraba consigo. Ao disiparse apareceu a figura de Doku ante eles coas mans en alto, desta volta non era un holograma.
⸺Sinto as mortes que se produciron en ambos bandos, mais teño moi boas novas, o noso planeta foi atraído por un outro moito maior, pertencente ao sistema solar que vós denominades Alfa-Centauro e entrou en órbita. Como tamén se trata dun planeta xélido e deshabitado, poderemos vivir tranquilamente. Moita sorte comandante, os terrícolas sodes máis espelidos do que imaxinaba.
  • Hits: 118