Gael

El foi o máis rápido e cando chegou, un fervedoiro de procesos puxéronse en marcha. Mitose tras mitose, un pequeno ser foise creando. Primeiro a cabeza e a notocorda (columna vertebral), logo brazos e pernas, corazón, fígado e pulmón. As unllas e o cabelo comezan a aparecer e unha gran maraña de células nerviosas coordínanse á perfección. E axiña, día a día, mes a mes, non parou de crecer ata que nacera.
Un ano para ver, recoñecer e comezarse a mover. Un ano para descubrir todo o que o rodea, para imaxinar e para abraiarse. De súpeto anda, corre, xoga... Velaí deime de conta das súas arelas de explorar.
Gústanlle as cousas sinxelas da vida, esas que os adultos xa damos por feito, pero que no fondo nos axudan a comprender o mundo que nos arrodea. Unha flor que nace dun casullo. Unha formiga que cultiva pulgóns nesa flor. A xoaniña que bota a voar. Unha folla movida polo vento ou un peixe no mar.
Gústalle ver como caen diferentes obxectos, se o fan a chumbo ou se o fan aos poucos como unha pluma arrolada polo vento ou mesmo non caen e saen voando como as pompas de xabón. Pero, como pode ser? Estarase a preguntar esa cabeciña…
Non capelexa cando ve un paxaro voar, seguramente tentando comprender como o fai para, movendo os “brazos”, flotar no ar como aquela pompa de xabón.
Toc, toc, golpea unha porta. Clonc, clonc, golpeaa coa culler. Paf, paf, batuxa nun charco. Porque soan diferente os obxectos cando os golpeo? Vexo como o seu cerebro comeza a entender. Brum, brum, unha moto pasa pola rúa e ten que ir rebulindo a mirar… Non o pode evitar!
- ¡É un fedello! – din algúns
- É curioso – digo eu, que prefiro pensar que un pequeno cerebro investigador se está a desenvolver.
  • Hits: 77