Enrolado na gloriosa Forza Expedicionaria

—Foder, será posible, outra vez fabas! O soldado Porráns, nome de guerra Fendetestas, non daba crédito á súa mala sorte. —Cen putos menús distintos, cortesía do Mando Loxístico, e levo comendo e ceando fabas catro putos días seguidos — fungou. Resignado, apoiou a lata aberta no fornelo de indución portátil para proceder a quentala. Porque se algo tiña claro este soldado tras quince anos de servizo militar, é que as oportunidades para comer e beber débense aproveitar todas. Nunca se sabe cando será a próxima, sobre todo cando se está despregado nas Novas Colonias Estelares, onde se non te mata un guerrilleiro rebelde, pódeo facer un virus letal ou algún horrible becho dos que asolagan os planetas colonizados.
—Esa lingua, soldado —suspirou o sarxento. Sabía que era tarefa baldía tentar frear o continuo chorro de improperios e comentarios sediciosos do recio e bravo soldado Fendetestas, pero aínda así tentábao. Despois de todo, para iso lle pagaban. Para iso, e para comandar ao que posiblemente era o mellor, máis destemido e sanguento pelotón da Brigada Hephaestos VII, despregada no planeta Lima 3. Ademais —continuou— non sei a que vén tanta queixa se na túa vida comiches quente tantas veces seguidas.
O soldado devolveulle por resposta unha mirada audaz e un lixeiro sorriso. O certo é que o sarxento non mentía. A Porráns tocoulle a desgraza de nacer e medrar en Meular, un dos primeiros planetas da galaxia que se colonizaron. Dende había mil anos, cando se creou o Sistema de Castes, os nacidos alí foron chamados Pecudes, que nunha antiga lingua significaba animal domesticado. Millóns de persoas nacían e medraban baixo o designio imposto de facer os traballos máis ingratos coñecidos.
Así que Porráns non tiña máis remedio que darlle a razón ao seu sarxento. As fabas non estaban tan mal, e calquera cousa era mellor que podrecer traballando nas minas dos planetas produtores.
Aínda lembraba cando o recrutaron. Estaba na súa cidade natal, esperando a súa quenda na longa cola de mozos meulariáns que sen gana ningunha iban embarcando nas titánicas naves de transporte. Con capacidade para 100.000 persoas, estas naves levaríanos galaxia adiante a servir en toda sorte de oficios, na súa totalidade ingratos.
Alí quixo o destino que coincidise na cola con Santos, mozo da súa quinta e co que lle unía unha inimizade das de toda a vida. E sucedeu que ese día Santos, gracioso como era do mesmo xeito que inoportuno, fixo unha terrible broma amentando á nai de Porrans. Semellante chanza de pouco tacto nun momento tan crítico como é que che manden a traballar para sempre a un planeta a tomar polo cu do teu, acabou con Porráns partíndolle en dous a cabeza dunha soa puñada ao seu antigo rival de sempre.
Este acto, a miudo castigado con non menos de trinta golpes de electrolátigo, por estragar unha ferramenta de traballo, foi observada polo xeneral Verhoff, que daquelas atopábase coa sua Brigada Expedicionaria dando seguridade a toda a operación. Como home feito a si mesmo conquistando planetas a base de reducir a cinzas aos seus lexítimos, ancestrais, e por norma xeral resistentes poboadores, o xeneral soubo poñer en valía tan singular e vistosa maña.
E así foi enrolado na gloriosa Forza Expedicionaria, sinónimo de aventura en estado puro e puño defensor, ou opresor, de basicamente todo o que o Alto Mando crese oportuno.
A lata xa botaba fume, así que a retirou e apoiou nunha pedra próxima. Mentres temperaba o seu xantar, recolleu e gardou dilixentemente o seu fornillo. “Outra lección da milicia —pensou— ten todo preparado por se che toca saír correndo co posto.” Mentres se dispuña a comer as súas fabas, mantendo en todo momento unha finxida cara de repulsa, dirixiuse ao sarxento. O resto do pelotón alí sentado prestou atención. Imaxinábanse o que Fendetestas ía preguntar, e eles tiñan o mesmo interese na resposta.
—Meu sarxento —comezou— pasar aquí neste marabilloso planeta e en tan grata compaña case unha semana é caralludo, pero, a que collóns viñemos? — os demais asentiron levemente, tantos días de inacción empezaban a facerse longos, e a falta de adrenalina facíalles sentir abstinencia.
— Estás de sorte soldado —contestou o sarxento— hai uns minutos recibín instrucións polo FlashData, e píllasme con ganas de contestarche. Achegádevos, rapaces, e atendede. Polo visto, estámonos reagrupando para atacar e exterminar unha forte revolta no sector norte. Un grupo de Pecudes, armados precariamente pero moi decididos, levantáronse en armas contra o Metaconde do lugar. Fanse chamar Os Novos Irmandiños.
  • Hits: 46