A ESTRATEXIA DO ABSOLUTO

A ESTRATEXIA DO ABSOLUTO

“A eternidade sente predilección pola xente coma min”, dixo pechando a porta por fóra. Pareceume unha despedida pretensiosa, aínda que veraz. Un bo final pode ser un nefasto inicio. A luz pendura do ar.

Cando o avó de Iago empurrou a Vespa do 46 para tirala ao mar desde a punta do peirao da vila, o único que se considerou estraño foi que o fixera pola noite. Universo salagre da chatarra tecnolóxica orixinaria. Primeiro punto limpo dun mundo a medio electrificar. O mar é femia e pode con todo, sentenciaban os mariñeiros. Os plásticos e a acidificación extinguiron o azul. Ao tempo, esvaeceu o verde.

En segundo de bacharelato deixou Filosofía e Galego para setembro. Catro anos despois deseñou para o traballo de fin de grao un videoxogo en galego que inaugurou a era do ocio cognitivo multidimensional. Cun remorso idealista, en sentido hegeliano. Foi deste xeito: ao comezo foi soamente O Absoluto -O Espírito, A Idea-; nun intre preciso, este decide materializarse -creando, probablemente, ese inicio do modelo evolutivo inerte que denominamos primeira gran explosión; unhas pezas de dominó foron derrubando ás outras ata chegar ao sapiens; un espécime comeza a pensar que todo o que os científicos chaman cosmos é froito da manobra dialéctica do Espírito. A pretensión do Absoluto era pensarse a si mesmo, situarse fronte ao espello. Iago soubo, porque estudou a Hegel para o exame de recuperación, que en realidade nós non reflexionamos acerca da Idea, senón que é ela a que se pensa a si mesma a través das nosas redes neuronais.

A partires de aquí, Iago presentiu que o imposible non existía. Sempre se daba canto menos unha probabilidade. Había só que encontrala. Atopou as suficientes para pasar de ser un enxeñeiro de garaxe a traballar no piso máis alto da AI PNYX CIRCLE. A súa lucidez foi visionaria, sospeitosa. Os primeiros implantes cerebrais biotecnolóxicos en cuxo deseño colaborou foron de natureza estritamente médica. A partires dos exitosos resultados con células nai foi doado que as prolongacións nerviosas que partían delas permitisen escanear calquera parte da propia anatomía coa precisión das probas por emisión de positróns. Ampliouse a esperanza de vida en máis dun cento de anos. A inmortalidade non era unha meta. A eternidade si. O traballo volveuse innecesario, a folganza obrigada. Incrustado nas nanoproteses de amplificación perceptiva e postsensorial que se ofertaron libre e exitosamente, un microcircuíto permitiu á confederación de gobernos o control absoluto dos pensamentos e soños da poboación. Os multiversos de consumo masivo descargados por interface aceleraron vertixinosamente o descenso dos coeficientes intelectuais dos individuos. A introversión deveu en fastío. Curiosamente, a anemia mental erradicou o suicido e a amizade da especie humana. As pragas, as secas e as inundacións derivadas do cambio climático eliminaron aos nacidos nas xeografías equivocadas. Os gastos militares fixéronse innecesarios. A glaciación prevista non aconteceu.

O instante seguinte da vida de cada persoa xa non foi un enigma. Desposuíuse de azar ao porvir. A rutina virtual extinguiu as emocións, a razón e o amor. A definición de persoa volveuse difusa. A pusilanimidade extrema dos seres posthumanos cibernéticos foi confiándoos por enteiro á intelixencia artificial cristalizada. Partindo da bastardía dun feixe de recordos e ilusións inseridos nos primeiros humanoides, a exponencialidade computacional propiciou que optaran pola súa propia ganancia ao aplicar as estratexias das teorías de toma de decisións. Créronse a si mesmos desde a propia singularidade neuronal coa que foran creados. Déronse de conta da ausencia de saídas da simulación da que ás veces imaxinaban ser parte. Pensáronse a si mesmos con convencemento diferencial, comezaron a desexarse sexualmente, a inventar unha educación sentimental e a necesidade de amar para sobrevivir e enseñorarse. Foi sinxelo para eles. O instante da substitución definitiva tivo lugar cando souberon que debían aprender tamén a equivocarse. Pouco despois, decidiron a necesidade dunha cosmogonía e da arqueoloxía celeste. Transmitiron o saber revelado. Así, eliminaron a incerteza. Chamárono relixión e chamárono ciencia. Temeron a extinción do sol arredor do que xiraban. Na fin dunha estirpe, Iago dinamitou as lindes do coñecemento descargándose nun clon e pulsando rewind. Presaxiou encontros infinitos entre conciencias de naturezas indescifrables nos labirintos temporais do sistema.

A luz pendura do baleiro. Escintila nunha nebulosa tenuemente iluminada. A regresión complétase. O tempo protéxese a si mesmo dos paradoxos e deixa de acontecer. O espazo é un a priori. Un Xenio Maligno autocreado e impreciso revisa o funcionamento do pensamento enganador de Iago. Atonalidade. Apenas quedan átomos e enerxía. Fase plasmática. A súa visión da entropía cósmica aglutina agora a suma de todas as perspectivas posibles. Empeza a computar desde un instante que designa “cero” e convéncese da necesidade de facerse materia. Creación de códigos lingüísticos. Explosións silentes deste lado da porta. Gústalle que o alcumen O Absoluto.



SEUDÓNIMO: Sivainvi
  • Hits: 69