Homo homini Deus

Miraba ao lonxe, sen percibir nin tan sequera a liña do horizonte. O seu colaborador doméstico, denominación aceptada tralo acordo de corrección na linguaxe e do politicamente aceptable do último congreso de lingüística e semántica coordinado pola Academia da Lingua, polo que se pretendía incluír as achegas dos sintéticos para establecer un corpus lingüístico non excluínte ou ofensivo, decidira non levalo aquela tarde á praia, polo que escollera o transporte público para desprazarse até a costa. Durante o traxecto, decatárase de canto medrara a cidade nos últimos anos. Cada parada, para recoller ou deixar viaxeiras, facíalle descubrir novos barrios, edificados sobre unha nada que non se detivera a apreciar dende a adquisición do seu vehículo persoal e, con el, do seu axudante sintético. Denominación, esta última, non exenta de certa controversia, dado que podía ser interpretada como unha ausencia de humanidade. Dende a preconizada morte de Deus por parte de Nietzsche, o ser humano dispuxera dunha inmensa cantidade de recursos para crear unha figura humana pero sintética e, a un tempo, que fose quen de superar as limitacións físicas e mentais de calquera forma biolóxica dotada de intelixencia. O que podería ser resumido como o ser humano superado pola súa creación. O que a ciencia ficción, nas súas máis dramáticas distopías, resumiran na máxima freudiana de matar ao pai, por medio de violentos enfrontamentos entre androides e humanas, podía chegar a manifestarse como realidade, se se realizaba unha transposición profunda da mente, xunto coas súas máis baixas ambicións. Pero, como separar a esencia da vida, sen trasladar con ela a infamia e as máis mesquiñas obsesións? Non era, acaso, a proxenie unha proxección da súa ascendencia?
Unha brisa fría anunciaba a caída do sol. Estremeceuse durante un segundo, até que o seu corpo logrou aclimatarse. Ao seu carón, un sintético paseaba a unha cadela da mesma condición, elaborada con tanto dominio e perfección que podería ter interpretado o papel dun animal biolóxico. Detívose nas dúas figuras que se afastaban, tentando buscar elementos que o diferenciasen daqueles que marchaban. É posible que estean interpretando un papel ou é igualmente factible que sexa a súa esencia humana, ao ser creados estes á imaxe e semellanza desta condición, a que se manifeste do mesmo xeito que nun individuo biolóxico? Aqueles pensamentos non facían máis que enmascarar o seu malestar pola decisión do seu sintético de non levalo á praia. Loitaba contra aquel sentimento, consciente de que o rebaixaba fronte a aquela outra raza, ou étnica ou mesmo especie, integrada no seu mundo. Podía ser, incluso, que aquel espazo que habitaba non fose en exclusiva do ser humano. Fora algunha vez propiedade deste? O posible problema radicaba na existencia dos sintéticos ou na transmisión da bagaxe negativa dos humanos como froito dunha evolución e unhas dinámicas adquiridas? Aqueles seres, como o reflexo nun espello, tiñan as mesmas demandas, as mesmas necesidades, as mesmas emocións, mesmo idénticas perversións que aquelas persoas que as crearan. Unha descendencia superior en todos o sentidos, mesmo na infamia, constituíndose como un deus imperfecto, pode igual que aquel primixenio. Volveu a vista atrás para enxergar ao lonxe as figuras antropomorfa e animal que se distanciaban aínda, camiñando, a primeira, descalza sobre a area. Ollounos con desconfianza, como se nunca antes compartise un espazo con aqueles seres.
Percibiu a friaxe da auga nos pés espidos. A marea subía rapidamente, ao tempo que o sol descendía, case como polo efecto dun principio de Arquímedes, imposible naquela situación. Volveu a vista cara ao interior, onde a liña de edificios definía o comezo da civilización. Viu que unha masa, cargada cos obxectos propios dun día de praia, se encamiñaba cara a parada de autobús. Mirou o reloxo. Detívose no pasar dos segundos, cifra a cifra, até que os minutos avanzaron no seu inexorable traxecto cara a adiante. Tivo medo do que lle esperaba no fogar. O malestar por sentir que aquel a quen el mesmo lle outorgara a vida, despois da súa adquisición, recrimináballe o feito de non colaborar coas tarefas domésticas. Aquel sintético convertérase no seu igual. Non adquirira un androide, dera vida a un ser que medraría con el, que experimentaría as mesmas emocións, os mesmo sentimentos. Correu cara a parada do transporte público facendo sinais ao condutor para que agardase. Aquel, que xa iniciara a marcha cando se decatou da presencia do viaxeiro, detívose, abrindo a porta de acceso ao vehículo en sinal de espera.
  • Hits: 186