Cambiar o que está escrito

Levaba días sen durmir ben, dándolle voltas a aquelas palabras que escoitara na conferencia: ”todo está escrito no libro da vida” ,a pesares de soar moi celestial, a frase non tiña nada de relixiosa. O doutor repetiuna varias veces ó longo do seu discurso, tamén teño que dicir que de discurso tiña pouco, porque o tipo falaba coma quen está sentado na mesa dun café cos amigos, todo o que dicía tiña un aquel de familiaridade, pero ó mesmo tempo notábase que falaba de cousas ben complexas. Non creo que aquela tarde fose eu a única que saíu daquela sala sentíndose algo xenetista, e sobre todo con ganas de seguir indagando no tema.
Nunca reparara neso dos xenes, as persoas somos o que somos, na maioría dos casos somos o que non queremos ser. Pero aquela idea de que todo estaba escrito, quitábame o sono, dígovolo de verdade.
Outra cousa non me sobra , pero tempo teño dabondo, así que decidín indagar sobre o tema.
Teño que dicir que entrei na conferencia porque cando crucei a praza de Cervantes caían chuzos de punta, e como non quixen quedar soa nos soportais, metinme dentro do auditorio. Cando entrei, xa falaba o conferenciante, así que nin lle escoitei o nome nin o título da ponencia. Seica o tipo era de Santa Comba e non lle chistaba moito o colexio porque era algo furafollas, e daquelas na escola había que estar ben dereitiño. Digo eu, que o doutor, por máis intelixente que sexa, tamén terá algún xene rebelde coma todos. Máis adiante confesou que tiña TDAH, aínda así sacou un doutorado e outra morea de títulos, e agora é profesor da universidade, velaí un xenetista loitando contra a xenética.

Nos meses seguintes á conferencia, lin todo o que atopei sobre o doutor. Que como lle souben o nome? Tan fácil como googlear: “famoso xenetista galego” : Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático de Medicina Legal da USC, (por facer un resume, porque ao buscador non lle puiden contar as páxinas) , Director da Fundación Publica Galega de Medicina Xenómica, e un cento de cousas máis. Resulta que incluso ata axudou a resolver varios asasinatos moi mediáticos.
Non vos vou mentir, tiven que mirala foto varias veces, aquel tipo pequeno e familiar, que me fixera comprender de xeito tan simple os misterios da xenética en 50 minutos, tiña o currículo máis extenso que vira na vida; títulos, premios, nominacións, publicacións…
Escoitei todo canto atopei del na rede, cursos , conferencias, charlas… deixei incluso caducar a subscrición a Netflix, tal foi o magnetismo. Tampouco vos pensedes que o aprendin todo sobre a xenética, reparo máis nos detalles.
Sabiades que o doutor escribe algún artigos científicos en galego? Seica dí que a nosa lingua tamén pode ser un instrumento de difusión científica, non sei en cantas letras do seu libro xenético terá escrita esa paixón polo galego, porque a ten de verdade. Tamén ten devoción polos cativos, é capaz de estar hoxe en Melbourne, marchar mañá para Canadá, e no medio sacar tempo para dar unha charla nunha escola rural.
Ten verdadeiro compromiso coa educación, e traballa a reo para cambiar o sistema educativo. Creo que lle escoitei dicir nunha das súas conferencias que se un día atopase o xene da creatividade faría un CRISPR para llo implantar a todo o profesorado, bueno creo que non o dixo así exactamente, pero na miña cabeza soou así.

Non foi doado coñecelo en persoa, non o busquedes en actos con moito glamour, nin en eventos de promoción farmacéutica, moito menos no Instagram, cando non está ensinando, ou viaxando por traballo, está mergullando ou paseando co can pola praia.
Coincidimos nunha visita a unha escola na que fun cubrir noticia. Creo que me superou a emoción. Saudámonos cun tímido – ola!
-Son unha admiradora do seu traballo- ó que el me respondeu
- Tes acento do mar, non es de por aquí?
Falamos apenas 5 frases, e 3 delas esquecinas. De seguida viñeron os rapaces saudalo e tiveron prioridade.
Eu non son científica, pero aquel xeito de escoitar ós nenos non viña de ningún xene, aquela técnica refinada de lles facer nacer as preguntas na boca ós cativos, ten que ser aprendida. Ese sorriso agarimoso, é algo que se escolle. Esa cara constante de “a ver que vou aprender hoxe” é unha filosofía de vida, e ademais, moi contaxiosa.

Días despois do noso encontro lin na prensa “o Xenetista Galego proposto para os premios Princesa de Asturias”
E non merecen se cadra o premio Nóbel, aqueles que usan o seu xenio para facer do mundo un lugar mellor, aqueles que fan que cantos os escoitan se namoren da ciencia, aqueles que saben escoitar ós mais pequenos, aqueles que aprenden coas preguntas dos demais, aqueles que pelexan por cambiar o que está escrito?
  • Hits: 187