Os reemplazos

No centro do sistema Hown atopábase o M12, un planeta de 400 metros cadrados onde se agrupaban as grandes institucións. Ó redor xiraban satélites nos que só podía vivir unha unidade familiar; non adoitaban medir máis de 20 metros cadrados.
Titán era o nome do seu satélite. A casa tiña dous pisos, unha habitación, un baño e unha cociña.
A alarma soou. Ergueuse da cama, foi ó baño e baixou á cociña. Ollou cara a entrada. Deixou o café no mesado e abriu a porta principal. Dirixiu a mirada ao papel cilíndrico enrolado que estaba no chan, sobre o felpudo. Recolleu o xornal e esperou a que chegara. Ó cabo duns minutos un libro apareceu nunha caixa incrustada xusto ó lado do timbre da casa. Colleuno e leu a portada: “Fundación” de Isaac Asimov.
A poboación dese sistema era moi afeccionada á lectura. Cada vez que remataban un libro o estado enviáballes outro ó día seguinte. Cada casa tiña un tubo cristalino conectado co planeta-capital para poder recibi-los libros máis rápido. Dese xeito a lectura convertérase nun vicio.
Co libro na man entrou no interior da casa. Colleu a cunca de café e sentouse no sofá mentres abría a novela pola primeira páxina.
O espertador soou. Foi ao baño, baixou ata a cociña e fíxose un café. Acendeu o televisor:
-Aquí María Nóvoa retransmitindo en directo dende M12. A crise económica está a pasar factura na industria do papel. Na última aparición pública do presidente comunicouse que o vindeiro luns porase en marcha o seguinte plan de actuación: debido á falta de materiais, os libros deixarán de repartirse polas vivendas. O goberno espera que en tres meses aproximadamente as fábricas de papel volvan a poñerse en marcha e pouco a pouco ir recuperándose da gran caída.- Apagou o aparello.
Á mañá seguinte soou o espertador. Abriu a porta principal e recolleu o xornal enrolado que se atopaba sobre o felpudo. Esperou. Non apareceu nada na caixa que estaba ó lado do timbre. Desorientouse. Era consciente de tódolos movementos que estaba realizando, mentres que se sentía lixeiro; tiña a sensación de que ía caer inconsciente. O malestar ía incrementándose cada vez con máis intensidade. Dende ese momento no que non tivo acceso a absolutamente ningún libro as cousas empezaron a ir mal. Non durmía. Tiña pesadelos todas as noites. As mans tremíanlle tanto que decidiu deixar o café durante un tempo. Nese instante, decatouse de que a súa saúde mental e a de toda a poboación do sistema dependía dunhas cantas follas recubertas con carcasa.

-A súa proposta non será aceptada.- Dixo James, un dos deputados do M12.
-Vendo a situación actual eu diría que están abertos a calquera suxestión, ademais, James, pense un pouco con esa testa que ten e dígame, non pasou o mesmo cos libros?- Dixo Andrew, o líder dun dos partidos políticos.
James levantouse da cadeira de brazos e pechou a porta do despacho. Volveu sentar e colleu un vaso de auga mentres miraba pola fiestra.
-Que é o que propón exactamente, Andrew?
-Introducir unha substitución.- Viu o rostro de desentendemento do seu interlocutor. Proseguiu.- Como xa sabe, hai cinco meses que pechou a fábrica de papel. Dende aquelas a poboación quedouse indefensa. A delincuencia aumentou, cada vez os psicólogos teñen máis pacientes. Quero dicir con isto que hai que atopar canto antes unha substitución. Un obxecto que para a maioría dos cidadáns sexa fácil de obter e sempre o levemos enriba. Que dúas horas se lles pasen coma dous minutos. Coñezo a un enxeñeiro que quizais nos poida axudar.
-E como pensa convencer ó presidente para poñer en marcha a produción deses aparellos?
-A estas alturas do conflito non ten outra opción mais que aceptar se non quere que a xente acabe tan tola como para matarse entre eles.- Dixo mentres abandonaba a sala.
Pasaran dous anos dende que Andrew Claythorne se convertera en presidente do M12. Nas eleccións conseguiu a maioría absoluta; a proposta de introducir os teléfonos móbiles fora aceptada. Dende ese entón os libros quedaran fóra de xogo; os máis vellos continuaban lendo, pero para os máis novos só eran un conxunto de follas escritas que había que ler obrigatoriamente.
-Ve, James? Xa lle dixera eu que non podía saír mal o plan.
-Eu non estaría tan seguro diso.
-E logo que é do que non está seguro?- Preguntou Andrew con impaciencia.
-Fai case tres anos a lectura era a base da vida. Cando se lle privou dela á poboación houbo problemas ata que introducimos os teléfonos móbiles. Pero estes aparellos dependen dunha rede invisible. Se algún día falla polo motivo que sexa verémonos outra vez no mesmo dilema e...
-Non se monte tantas películas. Para cando os teléfonos empecen a dar problemas, confío en que esteamos segura e comodamente xubilados!





  • Visto: 95