Memorias

Cheguei á entrada do edificio. O escáner recoñeceu a miña cara e deixoume pasar ao interior. Pequenas máquinas colleron o meu maletín e a miña chaqueta e dirixíronse cara ao despacho. Miraba abraiado o que me rodeaba, todo era novo para min.
Non estaba acostumado a escribir dende unha mesa electrónica, nin sequera a escribir dende unha oficina. Antes adoitaba a facelo ao aire libre, ou mesmo no xardín da miña casa, mais agora as cousas cambiaran. Sería de parvos non utilizar a tecnoloxía que nos estaba brindando o Estado. Era algo totalmente innovador.
Sentei nunha cadeira preto do escritorio e intentei poñer en marcha as instrucións que me deran. Unha man apoiada na mesa e a outra premendo na tempa. Deste xeito, todo o que eu pensara trasladaríase a un documento do ordenador. Isto era grazas ao chip que se nos implantou á poboación unha vez o novo presidente subiu ao poder. Ninguén puido negarse. Quizais foi a mellor decisión. Agora todo depende da tecnoloxía.
Intentei comezar a escribir. Concentreime na leve idea que tiña do inicio e intentei plasmala no ordenador. Abrín os ollos, mais o que estaba escrito non era o que eu pensara. Estaba moito mellor narrado, parecía un relato propio dun escritor veterano. Deille a eliminar e volvín sentar na cadeira. Esa non era a historia que quería.
Repetín o proceso, mais outra vez volveu a aparecer no ordenador algo no que eu non pensara. Parecía escrito para ter éxito, mais non deixaba de ser algo que eu non fixera. Levanteime enfadado e berreille ao trasto novo. Por que non podía funcionar ben? A única reposta do aparello foi unha carpeta. Quedei aparvado mirando a pantalla. Era unha carpeta co meu nome.
Tiña medo de abrila, pero a tentación podía comigo. Un centenar de novas carpetas espraiáronse pola pantalla. O que me gustaba, o que lía, a miña festa de aniversario, os meus gustos… Todos os meus datos estaban recollidos nuns poucos píxeles. Fun abrindo carpetas pouco a pouco. Incluso a tecnoloxía sabía máis de min que eu mesmo. Era incrible o custo que pagaría calquera empresa por ter toda esa información, se é que non dispoñían dela xa.
Abrín unha carpeta que estaba agochada dentro doutra. Best seller. Contiña varios documentos que fun lendo minuciosamente. Supoñíase que esas ían ser as próximas supervendas do mercado. E ían levar o meu nome.
Unha carraxe incontrolable xurdiu dende o meu interior. Intentei borrar todas esas carpetas, toda esa información, toda esa bazofia, mais foi en van. Por máis que quixese non desaparecían. Se pasaba isto conmigo o máis probable era que tamén sucedera co resto da xente. Xa non eramos donos nin de nós mesmos. Pertenciamos ao Goberno.
O meu orgullo estaba tocado. O futuro estaba xa elixido. Ía ser un escritor de moita sona, con palabras que non eran as miñas. Eu non quería iso. Non era xusto. Nin todo o diñeiro que puidese gañar ía facer que me sentise ben, que me conformase co que me tocaba.
Sentei na cadeira e meditei. Canta xente agora mesmo estaba nas súas casas, vendo o televisor, ceando, xogando cos seus fillos e fillas, sen saber que realmente todo o que puidesen imaxinar estaba gardado en carpetas, que realmente todos os seus segredos non eran máis que caracteres dun documento. Tiñan que sabelo, debían de ser conscientes da súa situación.
Eu era o único que a estas alturas podía facer algo. Non cría que ninguén máis deste edificio estivese pola labor de cambialo todo. O máis probable é que non se decatasen e, se alguén o fixera estou seguro de que preferiría os cartos e o éxito antes que facer o correcto. En verdade non sei porque eu non me podía conformar con iso. Tiña a vida gañada, mais seguía sen ser xusto, e as cousas así non funcionan. Detrás dun mundo tan bonito ten que haber unha treboada, e neste caso era a tecnoloxía. Se me deixaba controlar por ela, chegaría un momento no que me dominaría por completo, e en consecuencia o Goberno tamén. Eran eles os que estaban detrás de todo isto. Eran eles os que querían controlar a toda a poboación.
O único que me preocupaba era o chip. Non sabía como desfacerme del sen acabar coa miña vida, non sabía cal era o seu alcance, mais mentres a tecnoloxía non estivese da miña parte non me quedaba outra que empezar polo máis sinxelo. Collín un bolígrafo e un papel e escribín o que realmente quería. A miña propia historia, as miñas palabras, a miña vida. O mundo ía coñecer o novo plan do sistema. O mundo ía saber por fin que se non nos uníamos contra eles non teriamos nada que facer.
  • Visto: 235