Eu quero voar

O meu nome é Martín, teño quince anos, son un apaixonado da ciencia e si, aínda que soe absurdo, quero voar. Non me refiro a montar nunha desas xoias da enxeñaría como son os aeroplanos, senón a percorrer o ceo libremente e por min mesmo, tal como fan eses seres vivos dotados de ás chamados aves.
Todo comezou o día en que nos preguntaron na escola cal era o noso soño e o meu primeiro pensamento foi:
-Eu quero voar.
Esas foron as miñas palabras literais diante de toda a clase. Os meus compañeiros estouparon a rir cando lle contestei ao mestre con esa idea tan tola, xa que o máis estraño que había nas súas mediocres respostas era ser rico ou ter unha gran mansión en Florida. O dito, respostas mediocres. Mais non, eu tíveno claro dende o principio, non o dubidei para nada e solteino, como se estivera convencido de que ese era o mellor soño que se podería ter, e, sinceramente, para min o é. A partires de aquel día, comezou a miña inquedanza por voar, sen recorrer a un helicóptero ou a algunha desas incribles máquinas, e empecei a interesarme polo tema.
Ás veces, penso que oxalá fose un paxaro, para poder ir polo ceo batendo as miñas extremidades tan especiais, que me outorgarían a extraordinaria capacidade do que tanto quero, voar. Mais non, tocoume ser un "Homo sapiens" máis do montón, sen ningún talento oculto, que o único que fai é comer, durmir e como non queda outra, ir ao instituto. Nin sequera teño claro ao cen por cen o que quero estudar no día de mañá. Pero, o que si que sei que quero, é voar. Téñoo clarísimo, e xa que a natureza non me agasallou cos apéndices exclusivos de insectos, quirópteros e aves; buscarei a miña propia forma de logralo.
Unha boa idea para cruzar o ceo sería subirme nun avión ou simplemente facer actividades de paracaidismo, pero eu quero ir máis alá.
Actualmente, estoulle moi agradecido á ciencia e á xente curiosa coma min que, por algún motivo, investigou sobre isto e creou alternativas para realizar esta fazaña. Por exemplo, existen traxes aéreos e tamén "jet packs", que permitirían chegar a esa sensación de adrenalina de lanzarte ao vacío, no primeiro caso; e de ascender mediante motores de propulsión, no segundo. É certo que, neste último, cos chamados "jet packs" pódese considerar que chegas a “voar” de certo modo pero, por desgraza, o invento quedou un pouco descartado, exceptuando usos especiais.
Por iso, eu, Martín Arias Fernández, se ninguén se me adianta (que é o máis probable) serei un dos inventores das ás para nós, os humanos. Sei que soa a broma ou a parvada de neno pequeno, mais non.
Dende hai uns meses, comecei a estudar a anatomía de distintas especies voadoras e estou seguro de que se pode crear unha estrutura para poder voar individualmente; non como o fan as gaivotas por exemplo, pero case, achegándonos a esa sensación que elas teñen ao permanecer no aire. O problema é, que aínda son moi novo e teño que centrarme nos meus estudos primeiro, pero farei todo o que estea na miña man para avanzar no meu proxecto.
Ademais, nos últimos anos, a ciencia está tendo uns avances inimaxinables: deseño de proteínas, modificacións xenéticas, ampliación das fronteiras reprodutivas, o despegue da bioloxía sintética… e son moitísimas tamén as novidades tecnolóxicas que cada vez inflúen máis na nosa vida diaria, ata o punto de condicionar os nosos comportamentos cotiáns.
Quen nos pode negar agora a existencia de novidosas creacións neste sorprendente e cambiante mundo?
Por todo isto, non dubido en que no futuro, inclusive nun futuro non tan lonxano, alguén cree un invento que consista nunha especie de ás humanas e que eu poida chegar a probalas; ou, quen sabe, igual nuns anos aparezo como "trending topic" en Twitter por ser eu mesmo o seu propio inventor. Iso si que sería un verdadeiro soño...
  • Visto: 97