LOGOS ARENA

O cuadrilátero fervía en decibelios. Nestas alturas do tempo, afastadas de calquera comprensión, dous androides, azul e vermello, sentados en extremos opostos e ataviados de altofalantes en cabeza e peito, emitían oracións na estrita orde que lles imprimían as súas programacións.
A máquina azul defendía coas súas frases unha tese Creacon, cuxo equivalente no pasado remoto sería creacionista, cando se supuxera que o creacionismo caería polo seu propio peso colapsando como un vello edificio inútil. Mentres que a outra máquina, desta volta de cor vermella, esgrimía os argumentos precisos para defender unha tese Evolve, cuxo equivalente pretérito sería Evolucionista, coma se fose preciso erguer unha defensa a unha perspectiva tan obvia do noso progreso biolóxico como seres humanos.
Pero nin o arrase irremediable dos tempos variara unha miga o creacionismo nin considerara o evolucionismo como a tese válida e indiscutible da nosa presenza xa moi dilatada no planeta Terra. E toda aquela humanidade que berraba a gorxa rachada para remediar a frustración individual tiña so en mente que os argumentos do seu robot predilecto se impuxeran aos argumentos do robot 'inimigo', envorcando neles unha felicidade efémera a moi curto prazo que so lles custaría un fato de créditos.
Cando o androide vermello ficou sen argumentos un estrondo de xúbilo se fixo co ambiente. Os sensores policías entraron en funcionamento para evitar que os seareiros da máquina perdedora agredisen aos seguidores da cor azul e, inmediatamente, un discreto sistema de exección suave comezou a erguer dos seus asentos aos espectadores de ambos bandos, nunha orde marcial posible grazas aos potentes equipos informáticos que rexían aquel lugar: o Logos Arena.
O Logos Arena era unha colosal superficie cuadrangular rodeada de asentos graduados con aparencia de bancadas de coliseo romano, cruzado por un corredor longo dende un dos vértices ao outro para que os técnicos e as máquinas Logos entraran no terreo de discusión. Un corredor polo que, unha vez baleiro o recinto, apareceron axilmente dous operarios que se dirixiron cara as costas dos humanoides mecánicos para supervisar que todo estivera en orde para o combate do seguinte día, mentres o ordenador central autoconsciente procedía a desinstalarlles os respectivos arquivos: unha obra ancestral dunha entidade do pasado chamada Darwin e que respondía ao título de A orixe das especies. E no outro caso un arquivo de autoría compartida dixitalizado moitos séculos atrás. Unha obra máis ancestral que respondía ao apelativo de A Biblia. Para proceder coa instalación dos novos contidos sobre os que xa se recolleran completamente as apostas dos humanos, ca fin de conceder o desquite á obra evolucionista e prolongar a contenda en sucesivos combates que lles proporcionaran ao estado os máis cuantiosos réditos.
O Logos arena cobraba aos poucos un éxito sen precedentes, televisando os combates a través das pantallas dos fogares e sobre un complexo intricado de apostas, logo de que as enxeñerías construtoras das máquinas humanoides cansaran de facer contender contrincantes mecánicos ataviados unicamente de apéndices móbiles mecánicos cortantes, como fouces, coitelas, perforadores, puntas, arestas, gumes... e se chegara á conclusión de que a intelectual tamén era unha forza, pero nin moito menos unha forza única, unidireccional ou verdadeira.
  • Visto: 166