Suiseki

Alguén podería pensar que a Natureza está gobernada por unha harmonía perpetua, estática e inmutábel. A miña impresión, pola contra, é que se trata dun caos en constante movemento, un totum revolutum onde a inevitable colisión de todas as partes que a compoñen remata por establecer, e ousaría dicir que case de maneira contraintuitiva, un delicado equilibrio. Non hai designios que rexan a nosa existencia, mais existen unhas cantas regras que deslindan os terreos polos cales a nosa realidade pode discorrer. Non hai destino, pero si orde.

Podo referirlles a miña propia experiencia a xeito de exemplo. Eu proveño de profundos confíns, onde forzas violentas, segredas pero moi poderosas, confluíron para dar orixe á miña esencia. Nacín das entrañas más fondas e candentes. Dende ese turbulento estado primixenio vinme arroxada ao mundo, nun estado ígneo. A partires do meu alumeamento, os posibles camiños que ante min se abrían xa quedaran en certo modo sinalados, e eu non podía facer outra cousa que non fose agardar a que as indefectíbeis disposicións das leis naturais obrasen sobre min. As enerxías que operan baixo a superficie sobre a que o noso peso repousa haberían de devolverme de novo, transcorrido o debido tempo, aos mesmos abismos nos cales o meu periplo dera comezo; completando así o ciclo de estados polos cales as da miña especie podemos transitar ao longo desta vida.

A iso me ativera cando, para a miña sorpresa, houbo quen alterou esta cadea natural de acontecementos. Fun rescatada de onde xacía para ir a parar a un pulcro expositor, ca inopinada encomenda de estimular o sentido do abraio de calquera que tivera a ben pousar os seu ollos curiosos sobre min. Limparon a voaxa e a lama que o paso das idades e das épocas previas apegañara á miña dura pel, e deixáronme así, espida e impoluta, encol deste pedestal onde agora repouso. Sei que este non é o caso doutras que, coma min, foron arrincadas dos seus lugares mentres agardaban, incólumes, a que lles chegase a hora de comezar a seguinte etapa da nosa cíclica viaxe. Hai outras que se ven transformadas, fanadas, modificadas por artesáns e escultores que, mediante ferramentas, minguan as súas masas mentres insculpen calquera figura artificial.

Mais non ocorreu así comigo. Polo visto, hai algunhas que pertencemos a unha categoría diferente. As miñas trazas, ao seren contempladas dende certa perspectiva, evocan a visión dunha paisaxe natural. Algo que aos meus descubridores parécelles certamente gaioleiro.

Dalgunha maneira, a propia Natureza, cunha parsimonia inquebrantábel, conseguiu entallar no meu corpo volumes singulares, formas suxerentes, que lembran a outros seres, xa vivos xa inertes, pero en todo caso naturais; coma se a Natureza se prestara a seguir un proceso creativo baseado na autoreferencia. Permítanme ser escéptica respecto disto. Como xa expuxen, non creo nun designio que dite de maneira preclara o destino de ninguén. E, con franqueza, dubido que tamén o crean os que me conduciron á miña situación actual; aínda que iso non sexa atranco para que, ao reparar nas miñas particulares feituras, alguén experimente, crenzas á parte, unha sorte de enigmática fascinación.

Curioso me parece que os mesmos que en ocasión insculpen efixies artificiais sobre os robustos corpos das miñas irmás, non tocaran, pola contra, un só ápice da miña configuración orixinal, gardándome intacta para estupor meu e gozo estético seu. Pode que este meandro que tomou o curso da miña existencia —atoparme aquí resgardada con tanta cerimonia— non sexa máis que unha paréntese intrutífera, un efémero regateo dos preceptos das leis naturais. É posible que, co decurso do tempo, o devir da miña peripecia remate voltando ao seu rego. Quizáis non hoxe nin mañá, mais nalgún período, era ou eón futuros.

Se as pedras falásemos, esta sería a historia que eu podería relatarlles. Pero como non o facemos, deben facelo por nós as pegadas que a man paciente pero implacable da Natureza deixou, con desafecto e rotundidade, no noso corpo: cada un dos volumes, cada xiro, furna, buraco, cada curva sutil, cada ángulo afiado, cada crebadura, regaña, fenda, ou saínte. Cada un deses trazos que nos debuxa conta un anaco da historia, de xeito ostensible e notable nalgunhas ocasións; e noutras, coma no meu caso, de maneira humilde, con sixilo, e só perceptible para aqueles ollos que se deixen guiar pola máis ávida curiosidade.
  • Visto: 256

ESCOLA D'ESCRIPTURA

EUSKAL ETXEA

AEELG

EDITORIAL GALAXIA

METODE

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

EL HUYAR

AELC

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

IDATZEN

EFERVESCENCIA