O CAMPO DE ESPIGAS

No medio da chaira beixe érguese unha formación de areísca con buratos abruptos. A través dun dos ocos pode albiscar as engurras escarlatas dunha túnica. Alertada, abale a Lhoud para despreguizalo. 
Na construción areosa aparece un grupo de seres ataviados con veludos escuros. Axudándose de farrapos enlazados, descenden reptando desordenadamente sobre o monte de grava. En canto o brillo oxidado dunha espada refolgue longamente aos pés dun ceo enverdecido, ela toma a Lhoud pola man e botan a correr en dirección contraria.
Cedo se adentran nunha zona frondosa. Ámber guíase polo trazado vago dunhas herbas pisadas, co pulso acelerado á altura do pescozo. A través dos troncos adiviñase unha extensión dourada de espigas escravizadas pola brisa do oeste. Uns metros máis adiante, chegan a unha poza a través dun barranco enlamado. Arredor da superficie borrosa da auga nacen nenúfares e musgos estraños. Lhoud axeónllase para rozar a charca estancada coas xemas dos dedos. Acto seguido, saca a camisa de lino marrón e apóiaa nunha cortiza amarelenta, lanzándose cara o fondo da laga antes de que Ámber poida reaccionar. Sen dubidalo, a rapaza somérxese tras el, totalmente vestida. A auga está fría e córtalle a respiración. Nada enerxicamente ata remoer a auga do fondo, sentindo a presión aumentar nos pulmóns. No lado dereito da poza ábrese unha cova dunha escuridade desolada. Ámber vese arrastrada pola corrente e agárrase a unha rocha escorregadiza, bracuñando. Agora están nunha especie de cúpula coas paredes decoradas con lousas caligafriadas. Ao saír por unha porta rosada, a calidez dun sol reconforta as súas peles enchoupadas.
Non teñen tempo para aledarse. Agora corren ao descuberto, por un carreiro asfaltado entre a explanada de céspede descolorido.  A ambos lados, edificios grises e arruinados réndense ante a calor radiante. Trátase dunha especie de cidade pantasma que se deita máis alén do horizonte nunha liña abrasante. Lhoud rompe a traxectoria para deterse á sombra dun muro sobre o que se dilata un campo de fútbol. Inclinado, coas mans venosas apertadas sobre os xeonllos, respira asmaticamente. De súpeto, un movemento atrae a súa atención no reflexo dun poste da luz. Xírase bruscamente para comprobar que o exército de capas avermelladas está a dous centenares de metros deles. Lhoud desenvolve un pano atado á altura do estómago e empuña unha navalla. Rube polo muro, rascando as pernas, e comeza a cortar coas mans espasmódicas a rede verde que separa o campo de fútbol.  O grupo achégase velozmente. A uns 50 metros de distancia, unha muller de cute negra sinala a Ámber. Nese mesmo intre, un anaco circular de tea verde cae nos pés da moza e esta esperta dunha parálise de pavor, atravesando axilmente o furado aberto por Lhoud. A partir de aí todo acontece moi rápido. Un adulto de cabelos brancos e lasos racha a rede cun golpe de espada xusto detrás deles, esmagando o silencio queimado do ambiente. Eles corren cara os vestiarios do complexo.
Ámber é máis rápida ca Lhoud.
Ámber non mira atrás.
Cando a rapaza, cegada polo sol apocalíptico do exterior, alcanza a entrada destinguida do estadio de fútbol, lánzase contra a primeira sala e impele a porta para pechala. Segundos antes de que a porta rebote contra o marco, estremecéndose nos seus gonzos, Ámber cae para atrás a cámara lenta, vendo como o fío dunha espada con empuñadura de prata se enche da sangue de Lhoud ao cravarse na súa columna. A última face do seu amigo conxestionase momentaneamente e o corpo pálido de Lhoud impacta cun son bestial contra a porta dun cuarto agora sumido na escuridade.

Breixo desconectou o cable azul da pulseira metálica no seu pulso. A súa irmá mirábao mentres engulía unha torrada de amorodos, a espera dunha resposta.
- Si que é intenso, si. - exhalou aire mentres se situaba de novo na normalidade da cociña do seu apartamento. Un zunido de fondo aínda languidecía na súa mente alterada. 
Laura lambeu dos dedos os restos de marmelada e levou as mans á caluga. Coidadosamente, extraeu o outro extremo do cable dunha pequena circunferencia de aceiro na unión co seu pescozo. Ao arrancalo, a moza non puido evitar que se plasmase na súa boca un aceno de incomodidade.
- Outra vez apareceu a famosa escena do campo de espigas, por certo.
- Pois no soño orixinal non estaba. A ver se o arranxan os bugs dunha vez, que os arquivos andan a se mesturar todo o tempo. Agora que o dis, creo que hai unha actualización que configurar. - Laura observou de esguello á máquina ovalada.
Mentres tanto, Breixo erguerase para verter nunha cunca de flores un pouco de leite.
-  O que está claro que non te aburres de noite. - comentou. A continuación, pechou o cartón de leite e apuntouna comicamente co índice - Sabes o que penso? Que pasas demasiadas horas cos videoxogos eses.
  • Visites: 120

ESCOLA D'ESCRIPTURA

EUSKAL ETXEA

AEELG

EDITORIAL GALAXIA

METODE

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

EL HUYAR

AELC

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

IDATZEN