AS CORES

Non é preciso lembrarlles todas as sensacións e evocacións do que, en definitiva, non é senón unha impresión. Esta impresión, non obstante, insinúa maxestuosidade, claridade e reivindicación. Non é poético, non, non é coma un pó lunar que contaxia solemnidade e transmite pureza. Tampouco é, malia o que digan os máis puristas, un raio de luz. Por suposto, non pecaría de simplista dicindo que é de esperanza. O meu raio -concédanme tan exacerbada individualidade- prodúcese no medio dunha tormenta, xera un pulso e a súa sempiterna e inevitábel victoria maniféstase ante os súbditos, os cales sofren a insinuación de que algo de suma relevancia acontecerá. O son ignorarémolo porque non merece a máis mínima atención e a súa calidade, de cuantificala, padecería de expoñentes negativos.

A impresión prodúcese na retina, teño entendido. Claro que isto, para min que me epitomizo coma humanista, é o contexto. Para os actores, o escenario. Para de quen veño a falar, o terreo de xogo. Este biótopo é un lugar inherentemente repleto de preocupacións e a flora e fauna que alí viven teñen un xeito peculiar de se relacionaren. Non entrarei en materia máis que para advertir: a súa cooperación é deficiente e o resultado é un hábitat formado por unha comunidade miserenta e chea de tristura. Non cómpre dicir que quen reflicte e absorbe este raio é o biótopo, a fauna do lugar. A min gústame pensar, debe ser pola influencia natural da miña terra celta, que máis aló hai algo que se ocupa de xulgar o que pasa en todos os recunchos do meu hábitat; se existise aqueloutro espírito de xustiza omnipresente, condenaría impertérrito a aquel raio.

Comentaba, antes de me entreter con deliberacións, senón filosóficas, si sentidas e, agora que as leo, estimadas, que eu teño unha impresión. Segundo os caprichosos números, que deciden como será o raio, eu terei unha ou outra impresión. Sen embargo, coma a morte e, desexo, o sufraxio, a miña impresión é tamén universal. Estes raios detestan os números e a súa exactitude. Cando lles mencionan as matemáticas, rinse e choran. Rin porque saben que se esa ciencia se materializase esta non podería pensar, reflexionar, e polo tanto compadécena e, co sufrimento que lle ocasionou a mesma, rin. Pero tamén choran porque saben que o poder daquela ciencia radica na crueldade, non das súas verbas, senón das súas variacións e porcentaxes. Irrevente ante a ciencia, pois, dou por feito que o raio escoita. Escoitar, escoita. Atender, atende. Actuar coma é debido? Nunca. Escoita e obra. Atende á reacción e en base a esta leva a cabo magníficas modificacións conductuais. E a derradeira ladaíña, a de actuar coma cómpre fica só nalgúns inhóspitos lares que, á mantenta, non merecerán hoxe a nosa atención. Digo “á mantenta” dado que creo que cómpre deixar de meditar e pasar a actuar. Mais na miña opinión, debemos actuar no noso hábitat, influir no noso biótopo e logo, ao sumarmos pequenas accións individuais, teremos mudado o mundo, o ecosistema, vaia. As matemáticas, deixaba caer antes, son logo unha parte nuclear do raio debido a que determinan o seu alcance e modelan a miña impresión. Outra vez máis, a mocidade, piar do biótopo, absorbe este raio. Para ben ou para mal. De aí que a antano matemática racionalidade sexa hogano a rídicula traslación á realidade, ao ecosistema, dun filme enmarcado no drama perdido en carteleira.

A miña impresión varía segundo a miña distancia do biótopo que absorbe o raio. Hai quen, e inclúome neste grupo, adolecendo de certa perspectiva histórica, aínda fai discursos aludindo á solidariedade. En contraposición á retórica, o certo é que a miña impresión dun raio que loce negativo na miña comunidade é unha coitelada ou, sendo máis condescendentes e, por tanto, menos visuais, coma un raio que se di de centro. Direi que aquel raio que mencionaba é para min sintomático da nosa desgraza colectiva. En calquera caso, direi que a cantidade de luz no ambiente tamén inflúe. É dicir, que se o meu hábitat e o meu biótopo están ben, eu non serei tan pesimista en canto á miña impresión.

Si, amigos e amigas, falo das cores. Esa é a miña impresión: a cor. O raio, a clase política e as súas decisións. E o biótopo, a cidadanía. Dise que as cores son subxectivas, e cos meus apuntamentos recentes non podo senón facer miñas, coma de feito fago, esas verbas. Son subxectivas as impresións, en efecto, pero é obxectivo o dano que ocasionan. Non ousen dicir a quen non pode comer que a súa é unha impresión subxectiva. Si, efectivamente, para min a pobreza, a desigualdade ou a intolerancia son cores. Porén, ao velas, só ves unha cousa: a ignorancia.

Apuntamento: acotío os raios provocan incendios pero arde a fauna, a flora, resumindo, o biótopo.
  • Visites: 184

ESCOLA D'ESCRIPTURA

EUSKAL ETXEA

AEELG

EDITORIAL GALAXIA

METODE

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

EL HUYAR

AELC

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

IDATZEN