O banquete dos xenes

Coñecino despois dun congreso, na festa de clausura do congreso, para sermos exactos. Achegueime á barra para pedir o derradeiro gin-tonic e faloume co aquel de querer saber qué me levara a estar alí naquela noite. E foi entón tamén cando me tocou explicar por quincuaxésima vez na miña vida iso da bioqué? Si, a biotecnoloxía. Non quixen entrar en moitos detalles, e tampouco estaba nas mellores condicións de facelo, así que lle expliquei que a biotecnoloxía é o estudo da vida en tódolos aspectos para tentar dar solución aos problemas do ser humano e do planeta en xeral. Paréceme lembrar terlle contado algo das bacterias que comen petróleo, e que nos botaran unha man na limpeza do Prestige, pero vendo o xesto estraño da súa cara decidín falarlle dos transxénicos. Entón entendeu, entendeu que eu formaba parte dese grupo de xente desalmada que desfruta xogando a ser Deus, e confesoume que non lle facía nin chisco de graza iso de comer xenes. Deixando as nosas diferenzas irreconciliables a un lado quedamos para cear o día seguinte.
Ceamos na miña casa, el suxeriu que pedíramos algo por teléfono ou que o encargáramos nun restaurante, pero quixen ocuparme eu persoalmente. Era a nosa primeira cita e eu quería que todo saíra perfecto. Preparei algo da terra: unha ensalada de granito e area da praia das Catedrais. E de sobremesa unha lambetada, milfollas de xornal do día anterior con terra dos xeranios do balcón. Cando viu todo aquilo quedou apampado. A súa cara de sorpresa foi aínda maior cando me viu poñer un bo solombo de tenreira enriba da mesa só para min. Convideino amablemente a que sentase e gozase comigo daquel banquete, pero el só se atreveu a preguntarme qué clase de broma era aquela. Respondinlle que eu non tiña ningún problema en comer xenes, que me prestaban bastante, sobre todo se os xenes daquel solombo eran das tenreiras criadas na montaña de Lugo. E que inda no caso de que aquelas fosen transxénicas íanme sentar igual de ben. Porque os xenes que hai nos alimentos transxénicos non son outros que os que hai nos seres vivos do noso planeta.
Non nos volvemos ver nunca máis, inda que tempo despois souben que casara. E aquí inda non morre o conto, porque non é un conto, senón parte da realidade do século XXI. Pode que tampouco comeran perdices, ou polo menos non modificadas xenéticamente.