A aparición

Ós pés do outeiro comezaba a congregarse unha morea de xente, o suceso non era para menos. A primeira en ser testemuña del era unha grande devota, unha muller de fe que fora dar un paseíño e dera con aquela aparición no alto do outeiro. Naturalmente, aquel encontro debía ser compartido e non tardou en chamar a máis e máis xente para que fosen partícipes daquel milagre.
Outro dos primeiros en presenciar aquel acontecemento fora un membro da asociación de amigos dos ovnis, como non podía ser doutra maneira, avisou rapidamente ós seus compañeiros da asociación do encontro e, pouco a pouco, encheuse de xente abraiada que ollaba pampa para o cume do outeiro.
No medio dos devotos e crentes dos encontros extraterrestres estaban, tamén, algúns escépticos e curiosos que só querían saber que diaño era aquela estraña luz no alto do outeiro. Un dos que acababan de chegar preguntou abraiado.
—Que é esa luz? Que pasa alá arriba?— Interrogaba sorprendido ós presentes que chegaran alí antes ca el.
—Non o ves, filliño? É a Santa Virxe María! Claro, ti non a ves porque non es un home de fe.—Respondía unha das mulleres devotas.
—Non lle fagas caso a esta fanática! Son visitantes! Por fin imos presenciar un contacto!— Dicía un seguidor dos ovnis.
Para os devotos, estaba ben claro que era unha aparición mariana, vían como a luz saía do medio da inmaculada figura, a figura da Santísima Virxe que tantas veces viran nas igrexas e outras representacións relixiosas.
Todos os devotos se axeonllaron e rezaban Ave María tras Ave María, entre oración e oración aproveitaban para suplicarlle á virxe que intercedese por eles ante o Altísimo. Meu home leva seis anos sen atopar traballo, virxeciña roga por nós. O meu fillo está moi enfermo, axúdalle, ti que es tan santa e tan pura. Deus te salve, María, chea es de gracia, o Señor é contigo, bendita ti es entre tódalas mulleres e bendito é o froito do teu ventre, Xesús. Santa María, nai de Deus, roga por nós, pecadores, agora e na hora da nosa morte. Amén.
Claramente era un milagre, aquela luz só podía ser celestial para destacar tanto a pesar de que ía un día bastante soleado.
Da outra banda, os que crían que estaban ante unha visita dos alieníxenas, vían entre a luz unha figura de aspecto humanoide pero que claramente procedía doutro planeta, doutra galaxia, dun lonxincuo recuncho do espazo exterior. O raio de luz por veces conectaba cunha sospeitosa nube xusto enriba, moitos deles especularon con que esa nube non era máis que a camuflaxe da nave espacial na que viñeran. Non era nada novo para eles, pensaban, había centos de documentos confidenciais de gobernos de todo o mundo con fotografías secretas que amosaban casos semellantes. Cada un tentaba destacar sobre os demais e pedíalle ó visitante que o escollese a el para que fose o seu embaixador na terra.
Os que só eran curiosos simplemente miraban para o alto do outeiro aquela luz, sen saber se era unha aparición mariana ou se era unha aparición marciana.
Por volta dunha hora despois, apareceu, no medio daquela concentración de xente, a señora Encarna visiblemente alterada.
— Ou baixas de aí ou voute buscar eu cunha vara!— Berraba a señora Encarna a aquela luz.
— Perdóaa virxeciña que non sabe o que está a dicir. — Murmuraban entre rezos algunhas das devotas.
— Que fai esta señora? Aínda nos van tomar por un pobo hostil! —Falaban os que crían que era un extraterrestre o aparecido, preocupados porque de todos é sabido que os aliens teñen unha tecnoloxía a anos luz da nosa e non convén de os alporizar.
— Non baixas? Xa baixarás, xa, e vas ver como te deixa a miña zapatilla. — Insistía Encarna.
Desde o alto do outeiro, todas aquelas persoas parecían formiguiñas. Algo así debeu ver Moisés cando baixou das montañas coas táboas e, do mesmo xeito que Moisés amosaba os Sagrados Mandamentos de Deus ó pobo xudeu, estaba Tomasiño alzando o seu espello e saudando ós presentes co reflexo do sol. Se ata ese momento o que estaba era enfurruñado porque ninguén lle devolvía o saúdo, agora o que estaba era aterrado ó escoitar as ameazas da súa nai entre aquela xente. Para uns aparecera a virxe, para outros aparecera un alieníxena, a Tomasiño apareceulle o mesmísimo demo.