OS SOÑOS DOS NENOS DE AGORA

Nacín nos anos setenta, no setenta e un para ser exactos. Así que, para os que xa coñecedes esa época nos vos custará poñervos en situación e para os que non, recoméndovos ler un pouco de historia. O malo é que para a maioría das cousas que vos quero contar, non ides atopar nada neses libros, pero recoméndovos ler igualmente...calquera cousa.

Non recordo exactamente a que idade comecei a ler e escribir, pero sei que era moi pequena...máis do habitual para os nenos daquela. Non é que sexa importante o cedo que empecei a ler, iso é anecdótico. O importante foi que dende aquela nunca deixei de facelo. Era un encordio para os meus pais...un encordio no bo sentido, porque en realidade o que pasaba era que non había letreiro, etiqueta ou anuncio que quedase sen ler. Calculade o que sería percorrer cincocentos metros comigo por unha rúa de comercios, por poñer un exemplo.

Hoxe en día isto non pasa. Ós nenos de agora nos lles gusta ler, len mal e escriben peor. Son das que pensa que non é por ese idioma endiañado dos textos do whatsapp e similares, que tamén, é porque non len. Hai demasiada tecnoloxía inútil ó alcance...si demasiada. Isto non sei se verdadeiramente está relacionado, pero voume arriscar: penso que eu tiña moita capacidade de estudo porque non me custaba ler. Tiña curiosidade, as palabras descoñecidas levábanme a outras e, entre todas aquelas lecturas, a bioloxía non me deixaba pestanexar.

Penso que me gustou dende sempre, pero o namoramento definitivo produciuse naquel curso de C.O.U, Curso de Orientación Universitaria, que hoxe en día xa non existe. Para min as siglas non significaron nada, eu xa o tiña claro. Pero aquela profesora de ciencias de C.O.U. ¡Deus! ¡como lle gustaba contar o que sabía a aquela muller!! Era incansable no seu afán de facerse entender, ¡como amaba aquela profesora a bioloxía e a súa profesión! E practicamente sen medios audiovisuais, non como agora.

Os nenos de agora non aman nada, non valoran nada, non respectan nada e non lles gusta nada. Repito, demasiada tecnoloxía inútil ó alcance. Perdoade que sexa tan negativa. Obviamente non estou en contra da tecnoloxía, pero si daquela mal usada e sobre todo deses pais “aparcanenos”. Os meus pais nunca me aparcaron tras dunha tablet ou aparello similar, vale si, tampouco os había, pero dubido moito que aínda así o fixeran, porque os meus pais lían e facíano diante miña por razóns obvias.

Había tempo para todo, ler, estudar, xogar...soñar. Eu soñaba con ser bióloga. Dubido moito que os nenos de agora teñan soños, agás o de ser o futbolista famoso de quenda, que é o único que maman na televisión.

Fixen bioloxía e teño que dicilo, foi sacrificado. Quería obter as maiores puntuacións para acceder ás mellores becas. Conseguín facer carreira investigadora que tampouco foi un camiño de rosas. Imaxinade facelo sen soños. O meu primeiro traballo foi de bióloga nun centro de investigación. ¡De bióloga na miña cidade! ¡Onde viven os meus! Non podo describir con palabras a miña ilusión do reto conseguido, pero co paso dos anos, mentiría si dixese outra cousa, está sendo unha das miñas maiores decepcións. Non imos afondar en detalles, non merece a pena...a competencia, a crise, o mal ambiente, pero sobre todo ese desgusto constante de sentir que ese non é o lugar que che corresponde. Pero non nos poñamos tristes, porque esa non é a mensaxe.

A lectura é que ó mellor o meu/noso lugar no mundo é o daquela profesora de C.O.U. que amaba contar o que sabía, que fomentaba a creatividade e a curiosidade por desenmarañar o descoñecido. Aquela profesora que motivaba dende o momento que entraba pola porta, todos e cada un dos días do ano no que tocaba clase de ciencias naturais. A miña profesora de C.O.U., a que me fixo soñar con que eu tamén podía amar á ciencia.

Non me arrepinto de nada do que fixen porque hoxe sei que a ciencia non é solo investigar e ser un recoñecido investigador. Hoxe sei que se che gusta ler, sóbrache a metade do mundo e porque hoxe sei que si amas contar o que xa sabes, os nenos de agora tamén poderán saber o que é soñar.