A nai da ciencia

Eu non sei moitas cousas. E o que sei ensináronme os meus pais. Eles sabían as herbas que curaban os resfríos, e as flores que espantaban os cínifes. Ademáis facían emplastes con arxila nas feridas para que non se infestaran e fervían plantas para as doenzas moitas do corpo. Cando crecín aprendín a adiviñar o tempo polo andar das formigas ou polo traballo da araña, e a conservar o leite mesmo cando ai haber tormenta e a face-lo pan e que dure toda a semana ben tenriño. Tamén sei compoñer os osos que se saen do seu oco, e aliviar os males das costas e da cabeza. Toda a miña vida vivín neste eido que antes era dos meus pais e antes aínda dos meus avós.
Pouco a pouco a aldea fíxose mais grande e a xente da cidade viño vivir aquí. Estamos preto da vila, neste alto dende onde se ve a mar polo oeste e a montaña polo este. E a xente empezou a preguntarme cousas: cando non estaban ben viñan a verme, e eu facía o que sabía e llo dicía e non lles ía mal... e un día chegou a tele. ¡A que se armou! Empezaron a dicir que eu son unha mentireira, e que o que fago son trapalladas de vella. Vella son, e verdade, pero non digo nada que non sexa certo. Tanto falouse de min, e tan mal, que un día un home e unha muller viñeron a miña casa cun xornalista. Estivemos a falar moitísimo tempo, sobre a natureza e as cousas do campo, e da terra, e do mar. E o final dixeron que, á miña maneira, eu son coma eles, unha persoa de ciencia. ¡¡Quen mo ía dicir a min, a min, que sei tan poucas cousas!!