78° 30' S, 61° 00' W

Cando espertou, xa pasara un século. A carriza desconxelárase, e paseniño retomou os seus movementos, tentando erguerse. Esculcou ao seu redor, mais non advertiu a presenza doutros conxéneres. Se cadra non foran tan serodios coma el e xa se atopaban recompondo as súas vidas noutras rexións. Malia que non se esquecera da súa contorna, o panorama actual non cadraba coa idea que gardaba. Grandes bloques níveos flutuando ao garete. O seu porvir esvaecíase coma o grande astro ao descender polo sendeiro do solpor. Capaz de aturar as condicións máis límites, abranguindo temperaturas extremas, radiación ionizante e mesmo o baleiro espacial, ficaba impotente perante a nova situación.

Cando espertou o tardígrado, xa pasara un século, e os ventos catabáticos empurrábano irremediablemente cara aos remanentes da antiga plataforma de Ronne. A criptobiose, aínda que incerta, podería presentarse como unha saída.