A FORZA DA INERCIA

Eu nada fago.
Só me deixo escorregar por un tobogán parado.
Un tobogán como un morto, unha cousa.
E sen nada facer, baixo a toda velocidade.

Vin ao mundo para deixarme levar.
Vin a non facer. Pero crezo, respiro, apártanme, arrástranme e chego.
E, mesmo foi a inercia, mais eu estou na meta, ao final.
Quizais creas que a túa meta é máis meta porque montaches un negocio, compraches billetes de avión, casaches dúas veces, produciches unha chea de pezas de coche, renaciches tras a bancarrota e agora vives cós netos.

Eu deixei que un paxaro pousase en min.
Vin moitas veces a posta de sol e moitas tamén a saída da lúa.

Quieto, sen intervir, servín de freo a un neno que corría e contestei aos gatos que miañaban. ¿Enchiches ti máis segundos?

Convertinme en oínte, convertinme en árbore, en amado, en testemuña, en almofada, en obstáculo no teu camiño, en gato no teu colo, en colo onde deixar ao bebé cando chora.
Sen nada facer (a inercia mesma ocupouse) fun iso todo .
A man na que collerse, o ollo que contempla, a boqueada que che contaxia o sono, o modelo que foi debuxado, recheo na masa de xente...
Fun quen estorba ao pasar, quen comentan as veciñas.
E logo que vai ser máis ¿o teu corricar diario abaixo e arriba ou os meus pensamentos?