Olimpia Valencia, a doutora galega

Nova Galicia, ano 2217

Cando entrei no edificio das forzas especiais notei que estaba emocionada, un sentimento que poucas veces agromaba en min. Dixéranme fai un tempo que eu sería a encargada de probar a versión beta da máquina do tempo e estaba decidida. Aquela nova “pedra filosofal” levara a varios gobernos a ter disputas que ata o momento non se decidiran en guerra aberta. No ano 2217 as tensións entre os estados independentes e China eran constantes e perigosas. Por todo isto, decidíronse por min, unha rapaza arroutada que non tiña medo de nada e moito menos de quedar varada noutra dimensión temporal.
Na sala estaba o doutor Dominico que sempre me ollaba a través dos seus lentes cunha mestura entre a curiosidade e a admiración.
-Xa sabes a onde queres viaxar?
-Quero ir a Galicia do século XX, a coñecer a primeira doutora galega, Olimpia Valencia.
-Pero non che parece unha perda de tempo? Por moito que idolatres a esa muller poderías ir a calquera época que se lle poida antollar a un, Exipto e Mesopotamia, o medievo… ou incluso a Prehistoria, aínda que xa non sería tan recomendable…
-Quero ir ao Vigo dos anos 40 e é a miña última palabra.
-Entendo, se é a túa decisión así será. Lémbrate de que só asimila unha única viaxe por persoa, nunca poderás repetir a experiencia e só contas con sete minutos para estar alí. Por último, como xa sabes, hai riscos.
Metinme na cápsula e pechei os ollos, sentín un repentino mareo e unha dor na cabeza forte, un frenesí de medos pasaron pola miña mente mentres a máquina ía absorbendo cada esencia das miñas células.
Cando abrín os ollos estaba nunha estancia nova. Na cama estaba unha anciá con pronunciadas engurras que durmía un sono lixeiro, que semellaba presa de pesadelos. Por último, fixeime nun calendario que prendía por unha punta na parede: Ano 1987.
Maldicín polo baixo, a máquina levárame a coñecer a Olimpia no día do seu pasamento, corenta anos despois da data prevista! Non importaba, se cadra aínda tiña unha oportunidade.
Collín unha das súas engurradas mans e faleille polo baixiño cunha voz doce.
-Esperte Olimpia, esperte.
E ao pouco empezou a mover as pálpebras e a abrir os ollos.
-Non serás a morte que xa me busca? Non creo que fose tan bonita- dixo ela, cun acento un tanto diferente ao do meu futuro.
-Non, tan só buscaba que me contase da súa vida Olimpia.
-Pregunta entón neniña, cóntame.
-Como foi a súa vida Olimpia?
-A miña? Escrava e dura. Non escrava coma as das labregas que vivían traballando no campo día e noite, co lombo dobrado. Escrava por querer ser algo que non estaba establecido.
-Cómo foron os seus días como estudante na facultade e como médica despois?
-Na facultade sentíame libre, quería aprender lixeira e voar, pero non foi fácil. Dende o primeiro día quixen especializarme en doenzas de neurotórax mais non me deixaron. Queríanme de xinecóloga, non podía unha muller ter contacto cun home nin por razóns médicas! E filliña non me arrepinto da xinecoloxía pero había aínda tanto por facer! E cando puiden axudar a traer o primeiro neno ao mundo, axudarlle a nais que terían un parto con complicacións, sen axuda de ninguén, desangrándose soas… sentinme doutora.
Agora un carreiro de bágoas caían polas miñas fazulas. Olimpia fixo tanto e recibiu tan pouco…
-E foi unha gran rebelde politicamente falando?
-E como ía calar ante a desidia e a barbarie daqueles días? Un dos meus amoríos da mocidade apareceu nunha cuneta despois dun dos paseos daqueles tempos. Eran anos de represión pero tamén de rebeldía, de incongruencia, de constante boicot e conversas nos faiados para derrocar o réxime. Cada un fixo o que puido.
O día que me meteron no cárcere non sentín medo, nin me doín polo que podían facer comigo. Sabía que o meu legado quedaría aí, habería moitas galegas doutoras despois de min, a democracia seguiría igual sen a miña presenza.
Pero non me mataron por min, senón por medo do pobo que se revolucionaría se me tocasen un cabelo.

-É vostede unha heroína.

E ela sorriu no medio doutra carreira de tose que facía convulsionar o seu ensumido corpo. Encontráraa e agora acabábaseme o tempo, empezaba a diluírse o meu contorno ante a mirada estrañada de Olimpia.Acabábaseme a viaxe.

-Grazas por tanto.

E nisto aparecín na sala de paredes e brancas e asépticas situada no ano 2217. A voz do doutor Dominico excitado e nervioso taladrou os meus oídos.

-Como che foi?

-Se te refires a se acertaches na data, aínda non. No resto só che podo dicir que teño a tataravoa máis valente do mundo e a partires de hoxe levarei a miña bata de médica aínda máis orgullosa.