Papaver somniferum

Todo comezou cando chegou Alexandre. Ata entón a miña aldea sempre fora

un pequeno paraíso agochado entre as montañas, nunha bonita serra ao sur

de Galicia. Coma en calquera outra aldea da época a xente levaba unha vida

tranquila, centrada nos traballos do campo. Eu era un cativo moi espelido, que

sempre andaba a argallar algo; encantábame saír a explorar polo monte,

descubrir novos lugares e perderme nos meus pensamentos sen que ninguén

me molestase. Na casa rifábanme moitas veces por volver todo mancado ou

coa roupa esfarrapada, pois nas miñas excursións acontecíanme moitas

aventuras, pero eu volvía ledo e con mil cousas que contar, aínda que os

maiores nunca quixeran escoitarme.

Pero un día chegou á aldea un señor moi estraño: era alto e fraco, de pel moi

branca, cabelo louro e ollos moi azuis. Tiña unha mirada profunda que

intimidaba bastante, por iso non lle gustaba moito á xente da aldea. Os vellos

murmuraban era un biólogo moi famoso da cidade, que viñera estudar unha

planta que crecía nos nosos montes. Erguíase moi cedo, coas primeiras raiolas

de sol e volvía xa ben entrada a noite. Algúns vírano camiñando só cara ao

monte, cun maletín e un caderno. A min entroume a curiosidade por aquel

individuo e quixen descubrir que facía naquelas peculiares expedicións. Unha

mañá levanteime máis cedo ca ninguén na casa e saín á rúa. Vin a súa figura

camiñando entre a néboa e comecei a correr tras del para non perdelo de vista.

Subiu polo monte, mentres eu o seguía de preto pero ben agochado entre a

maleza para que non me vise. De súpeto, detívose diante dunhas penedas,

pousou o maletín e caderno en man perdeuse entre as grandes pedras. Logo

dun bo anaco volveu aparecer cunha expresión de satisfacción no rostro.

Volveu tralos seus pasos cara a aldea e encerrouse na súa casa a facer quen

sabe o que. Eu estaba contrariado e pasei o resto do día a cavilar.

Á mañá seguinte volveu repetir o itinerario do día anterior, pero desta vez eu

quedei no monte cando el marchou de novo cara á aldea. Achegueime ás

penedas con coidado de non caer e alí, no medio das pedras, tan só había

unhas cantas flores. Eran unhas flores ben bonitas, cos pétalos moi suaves e

finos, moi parecidas ás papoulas das leiras, pero brancas coma a neve.

Arranquei unha e marchei para a casa, onde seguro me agardaban para ir

traballar.

Pasaban as horas e eu ollaba cara aquela papoula intentando descifrar por que

era tan importante para que o biólogo a viñera estudar. Esa mesma tarde,

estaba eu sentado a carón do regato cando vin ao biólogo camiñar cara min.

Sendo sincero, asusteime un pouco nun primeiro momento, pero tan só me

preguntou pola flor, quería saber onde a atopara. De seguido me delatou a

mirada, mais el cun sorriso preguntoume se me gustaba esa flor e se quería

saber máis cousas dela. Contento respondín cun rotundo “si”, e entón

convidoume á súa casa. Alí falamos de moitas cousas; díxome que se

chamaba Alexandre e que viñera á nosa aldea estudar a “adormecedoira”.

Aquel era o nome desa papoula branca tan bonita, e segundo me dixo, con esa

flor podía elaborarse unha menciña que curaba case todas as dores do corpo.

Decateime entón de que non tiñamos nada que temer daquel home.

Aquela noite contei na casa a miña aventura e meu pai, logo de rifarme polo

meu atrevemento, decidiu que iría falar co biólogo. Pasaron os días e xa se

estendera o conto de que aquel home viñera na procura dunha menciña que só

se podía elaborar con aquela flor. De seguido comezaron a velo con outros

ollos, e foron moitos os que acudiron a el para aliviar as súas doenzas.

Uns meses despois, Alexandre era moi querido polas xentes do lugar e eu

converterame no seu axudante: íalle buscar as flores ao monte e así el tiña

máis tempo para traballar. A cambio el deixábame ler os seus libros de

botánica e mirar os debuxos do seu caderno. O único que me prohibira, non sei

ben por que, era coller aquela especie de pastillas que lles daba aos maiores.

(…)

Onte á noite choveu moito e esta mañá esvarei nas penedas húmidas. Fixen un

ferida grande perna dereita que me está a doer moito. Por moito que diga que

non é para nenos, eu xa estou grande. E de todas formas, se non mas quere

dar eu sei ben onde as garda, pódolle coller algunha e seguro que nin se

decata. Son como os carameliños que venden na tenda, só que brancos, e se

os fai co zume da flor ou algo así seguro que ata están doces. Por comer un ou

dous non me vai pasar nada…