Un novo comezo

O planeta Terra leva millóns de anos existindo.
Durante moito tempo os seres humanos aproveitámonos dos seus recursos, pero non o coidamos.
Contaminamos o aire e a auga, exterminamos miles de especies, esgotamos os recursos minerais e, como consecuencia, de todo isto no ano 2325 a Terra morre.
As terribles tormentas eléctricas, as inundacións, a fame e as epidemias fan que os días dos seres humanos estean contados.
Dende o 2250 os científicos de todo o mundo reuníronse para buscar unha solución. Primeiro crearon unha gran cúpula para protexer a atmosfera da radiación do Sol, pero consumía moita enerxía e non se podeía manter activa para sempre. Despois mandaron naves espaciais en busca doutros planetas con características similares ás da Terra, pero as que puideron regresar non atoparan nada.
Xa non quedaban esperanzas; a finais do 2325 a cúpula comezaba a fallar; cada día a situación era máis crítica.
Pouco tempo despois, xurdiu unha nova esperanza: a estación espacial da NASA recibe un estraño mensaxe. Nel podíase ler “Xa estamos de volta”. O estraño é que a mensaxe era da nave Galaxius 11.
Foi unha das primeiras enviadas ó espazo, levaba fóra 75 anos, non era posible que a súa tripulación sobrevivise.
Orientarons todos os satélites na dirección da que proviña o sinal e alí estaba, era a Galaxius 11 e nunha semana chegaría á Terra.
Cando finalmente aterrou no noso planeta, o seu capitán e a tripulación foron recibidos como heroes. Era sorprendente, parecía coma se só levasen fóra 10 anos; apenas envelleceran.
Os científicos reuníronse co capitán para que este lles contara o sucedido durante estes anos e Talli, que así se chamaba o capitán, relatou como durante dez anos vagaron polo espazo buscando algún planeta parecido á Terra, pero aqueles que atoparon non eran aptos.
Entón empezaron a sufrir avarías na nave, unha tras outra, ata que non puideron reparalas. Xa non tiñan esperanzas, crían que ían morrer no espazo, sós, sen que ninguén os puidera axudar.
Mais un día recibiron o sinal dunha nave que lles ofrecía a súa axuda.
Eran seres moi parecidos a nós, pero cunha intelixencia moi superior e, en poucas horas, arranxaron e melloraron a nave de tal maneira que agora era capaz de viaxar á velocidade da luz.
O capitán contoulles a estes seres, ós que chamaron alcalianos, xa que o seu planeta chamábase Alcalia, os problemas que tiña a xente na Terra e cal era a súa misión.
Ó principio só escoitaron e non dixeron nada; parecía como se non lles importara o que lles contaban.
Leváronos ó seu planeta e fixéronlles moitas preguntas sobre os seres humanos e a Terra. Dixeron que tiñan que falar entre eles e decidir se nos axudaban ou non.
Mentres visitaron o seu planeta, explicáronlles que o tempo discorría de forma moi diferente e por iso apenas envelleceran. Para o capitán pasaran 2 anos, pero en realidade foran case 50 anos da Terra.
Cando os alcalianos tomaron unha decisión, reuniron o capitán e os seus homes para comunicarlles o que ían facer.
Ó principio negábanse a axudarnos; o capitán Talli non cría o que escoitaba. Durante o tempo que levaban no planeta, observáraos, vira como se preocupaban dos demais, como se trataban con respecto, en fin, observou como os alcalianos eran incapaces de permanecer inmóbiles ante o sufrimento de todo o que tivese vida. Entón por que aquela indiferenza polos seres humanos?
Talli esixiu unha explicación e despois de murmurar entre eles, un dos alcalianos, o que parecía o máis vello, acercouse ó capitán e contoulle que non era a primeira vez que vían seres humanos.
Nos seus libros antigos menciónase o noso planeta e os seus habitantes. Segundo estas narracións eles estiveron hai millóns de anos no noso planeta e axudaron ós homes que alí vivían ensinándolles novas tecnoloxías, non obstante eles, volvéronse cobizosos e quixeron matalos.
Abandonaron o planeta e decidiron non preocuparse máis por aqueles seres tan desagradecidos e autodestrutivos.
Por que agora tiñan que salvalos?
O capitán quedou sen palabras; que facer? que dicir? para que aqueles seres sentisen compaixón e nos axudaran.
“É verdade que non somos perfectos pero se nos dades unha oportunidade comprobaredes que tamén somos bos, que intentamos ser mellores e que coa vosa axuda, comezaremos de novo e procuraremos non cometer os mesmos erros”.
Así, mentres eles pensaban que facer, convivimos no seu planeta e déronse conta de que non eramos tan malos e que podiamos estar perfectamente con outros seres.
Ó final decidiron axudarnos; primeiro chegamos nós e dentro duns días chegarán eles con naves para levar os seres humanos a outro planeta onde poderemos empezar de novo.