Cousas do corazón

Ola, o meu nome é Mai. Vivo na zona norte do país, máis concretamente en Galicia. Todos os días saio en busca de moitas flores coas que xogar. Encántanme as flores. As miñas favoritas son as amarelas. Esa cor paréceme preciosa, lémbrame ao sol e o sol é moi amigo meu. Sempre que el sae eu podo ir xunto ás miñas flores preferidas e estar con elas. Con todo, se chove, téñome que quedar na casa e non as podo ir visitar. Por iso a miña época favorita do ano é a primavera. A elas encántalles que colla do seu pole para logo levalo ata as demais flores. Son como o cupido, pero das plantas. Teño moitísimas amigas e amigos. A verdade é que cos habitantes da colmea non me levo moi ben, non lles parece correcto que chegue a ter unha amizade co que para eles só son unha vía de alimentación. Pero en fin, chégame para ser feliz ter ás flores que teño xunto a min. Ups, que maleducado fun, non vos dixen os seus nomes. Unha delas é Rosaura, é a flor que máis pétalos posúe ao seu ao redor e é a máis fachendosa de todas por iso mesmo. Tamén está Violeta, que é a máis pequena, floreceu a semana pasada. Cristín, a máis charlatana e cotilla do barrio. Logo Hortensia, Luz, María... Duns días atrás, levo notando que Rosaura non é a mesma comigo, cando me achego a traerlle o pole doutra flor, ela pecha cos seus pétalos o xineceo. Eu apártome riseiro e non digo nada. Non sei que lle pode ocorrer. Pode ser que simplemente non estea de humor, ou poida que eu actuase dalgunha forma que para ela non fose a correcta. Entón onte, pregunteille a Luz se ela sabía que lle pasaba. Luz respondeume que todo son ciumes, que a Rosaura non lle gusta ver como eu collo o pole de tantas flores. Non souben que dicir. Nin a Rosaura nin a ningunha das miñas amigas ocorréralles iso dos ciumes. O meu traballo é recoller todo o pole posible para levalo á colmea e así crear mel coa que alimentarnos todos. Rosaura non posúe o suficiente pole todos os días como para dar de comer ao número de abellas que a min me correspónden. Non sei por que ten ciumes de algo que fago por obrigación. A parte, a todas gústalles porque teñen cóxegas e mentres eu dedícome a traballar fágoas rir e a min iso faime feliz. Hoxe, cando me acheguei a Rosaura para deixarlle algo do pole dunha flor masculina do barrio dunhas rúas máis abaixo, ela volveuse a envolver cos seus pétalos e a poñerme mala cara.

- Rosaura, sabes que debes darme unha explicación, que che pasa comigo estes días?
- Creo que está máis que claro, eu non quero ser unha flor máis, eu quero ser a única flor pola cal ti veñas a por pole.
- Tes ciumes?
- Si... - dixo en voz baixa - Es un picaflor, e non só me fixeches dano a min, hai moitas máis coma eu que se senten doloridas pola túa culpa.

Non podía crer o que estaba a oír. Collín e funme voando o máis lonxe de alí posible.
Eu, que me cría o rei cupido, o amigo de todas, acabábame de converter nun picaflor, unha abella que estaba a danar ás súas queridas flores sen saber como. Eu só estábame dedicando a facer o meu traballo, colleitar pole e facer que esas plantas creasen máis e máis flores grazas ao meu graniño de area co acto da polinización.
En fin, que difíciles poden chegar a ser os temas do corazón.