Incidente inesperado

Era un día máis, ás sete e media soou o espertador, esa noite soñara algo moi estraño, pero, non lle din máis importancia da que tiña, xa que se non me apuraba ía chegar tarde.

Erguinme e rapidamente fun a ducha.

Mentres me vestía acordeime que ese día debería tomar o desvío para ir traballar, xa que a noite anterior houbo un choque e a estrada ía a estar cortada uns días. Xa non me deu tempo a almorzar, e saín de casa comendo un doce que tiña nun armario.

Fun ao garaxe a buscar o meu coche, aínda tiña que ir a buscar ao meu compañeiro de oficina pola súa casa, xa que entre os dous compartiamos coche para aforrar en gastos.

Ao saír á rúa, percateime de que había moita néboa e non se vía moito máis lonxe de cinco metros. Cheguei a casa de Andrés e el baixou. Como sempre que chegaba tarde, botoume a rifa.

Recorreramos a metade do camiño tardando máis do normal, o noso xefe ao chegar á oficina ía sancionarnos pola tardanza e iso era algo que tanto a min como ao meu compañeiro non nos conviña xa que non andabamos moi ben economicamente.

Cando de súpeto, non puiden evitalo, cruzouseme un coche diante miña, e tiven que dar un xiro moi brusco, no cal non fun capaz de controlar o coche e espetamonos contra o muro dunha casa, con tan boa sorte que o muro caiu e nos saímos practicamente ilesos, aínda que eu tiña unha ferida que sangraba sen parar, non puiden dicir o mesmo do coche, estaba moi estragado, e reparalo ía custarme moito.

Percatámonos de que o outro coche non se dera conta do noso incidente, e aquilo era unha zona pouco transitada, polo cal seguramente ninguén se enterou do ocorrido.

Andrés e eu saímos do coche, e comezamos a berrar, por se había alguén na casa, pero non parecía respondernos ninguén, polo que decidimos ir mirar, xa que eu necesitaba frear a hemorraxía que tiña no meu brazo esquerdo.

Abrimos a porta que había ao lado dun armario cheo de trastos vellos e tomamos o corredor da dereita, co fin de atopar a alguén ou un baño no que poder lavar a ferida e con sorte topar cun botiquín para poder vendar o meu brazo. Ambos miraramos os nosos teléfonos anteriormente, pero non tiñamos cobertura, cousas que nos pareceu algo estraña, pero non lle demos máis importancia.

Despois de entrar en varias salas equivocadas e de baixar unhas escaleiras, atopamos un lavabo, no cal por sorte había un botiquín, non parecía estar nas mellores condicións pero as vendas e as gasas do seu interior tiñan boa pinta, ademais a auga osixenada e o alcol non estaban caducados. Andrés, cuxa nai era enfermeira, tiña bastantes coñecementos sobre enfermería e sabía perfectamente que a miña ferida non era grave.

Curoume o brazo con moita delicadeza, púxome gasas e posteriormente vendoume o brazo. Atopamos un bote con pírulas que puña ‘Analxésicos’. Como me doía algo o brazo decidin tomar unha, e Andrés tamén, xa que do golpe doíalle bastante unha perna, coa que impactara ao chocar.

Cando saímos do baño atopamonos cunha especie rara, que era metade mono e metade humano. Quedamos tan abraiados que fixemos o mínimo ruído posible para que non nos vira. Seguímolo a través de toda a casa ata chegar a unha sala moi estraña. Quedámonos observando a través dun anaco e vimos que había máis especies raras, todas elas eran metade humanas e a outra metade algún animal, como un porco, un cabalo, unha ovella...

Como vimos que dentro non había ninguén e os especimes estaban dentro de xaulas, menos o metade home e metade mono, decidimos entrar a botar unha ollada.

Sobre unha mesa, que estaba máis ou menos no centro da sala, atopamos unhas anotacións que non comprendemos moi ben, xa que a metade estaba en galego e a outra metade en latín. Vimos que tamén había algunhas medidas anotadas e supuxemos que sería a fórmula para crear aos especimes. Seguimos mirando por alí, centrándonos no que nos íamos atopando.

De súpeto, zas! Caemos ao solo e estaríamos inconscientes como uns quince minutos. Cando eu espertei, Andrés tamén estaba recobrando o sentido. Estabamos atados de mans e pernas; seguramente a persoa que nos atacou, xa sabía que estabamos alí.

Sen dicirnos nada sacou un maletín, que contiña uns frascos con algunhas das palabras que viramos nos papeis, colleu unha agulla e inxectounos o líquido aos dous.

Xusto nese momento, espertamos os dous, tirados no baño da casa, acordeime de que aquilo xa o soñara esa noite.