Astrolóxico

Ti naceches coa nucleosíntese primordial, ao tempo que todas as cousas inprescindibles deste universo. Tes uns aires de antaño que non se renovan por moitas Xemínidas que pasen. Agóchaste alí arriba, onde a vista dos ananos humanos non alcanza. Es xigante e nunca ninguén poderá pousarse nos teus ombros, pois vives moi lonxe de todos. Sínteste afelio, es afelio. Non hai ninguén máis solitario que o que decide prescindir das prioridades terrenas, da superficialidade do “eu”. Afelio é igual que non ser comprendido, afelio é como non existir. Mágoa, porén, que o mundo non siga os teus pasos, que a terra non xire na órbita que te rodea. Es un astro raro. Xiras sobre ti mesmo sen esquecerte de contornar todos os astros luminosos que achas. Aliméntaste da luz, non da escuridade. Paradóxico que o mundo, envíe a corpos coma ti alén do río Aqueronte cando, en realidade, debería acortar a periapside.

Pregúntoche o nome e non me respondes. Supoño que te acostumaches a ser un misterio, a estar por descubrir. Volvo encontrarte tumbado sobre a herba, nese espazo terrestre que non queres desvelar. Tumbado fronte a bóveda celestial, convídasme a ir ao teu carón e observar as constelacións. Sempre andiveches nas nubes! Delátasme cada segredo universal e entendo porque te encerras neste mundo de cabalos voadores en outono, cazadores de touros, leóns que acadan o seu oasis no río Nilo... Buscaría anacos de manteiga na túa boca sen encontrar máis que enigmas que se presentan con voz propia. O teu saber, nin ocupa lugar nin maltrata humildades. O teu elitismo nace na mesma destrución do termo. Verche máis preto ou máis lonxe non depende tanto de ti como da paralaxe que impera neste mundo de tortos e cegos. Ti convertícheste no moucho cos ollos máis grandes, de máis visión.

Pregúntoche o nome, esta vez respondes:
- Son a curiosidade na procura de respostas lóxicas. Venero a unha deusa acompañada de aves nocturnas. Posúo moitos nomes, todos distintos, pero ao final, o que importa é que busco a verdade.