O Remedio de Averroes

No refluxo do seu caótico devalar, brincando sobre as ondas mariñas, arremuiñadas en harmoniosas sinusoidais celestes, enxerguei unha misteriosa garrafa viaxeira. Era portadora dunha insólita mensaxe escrita con sangue humana, aínda morna, cuxas letras estaban deseñadas cun arame cinza arxénteo, de infame arrecendo a morte. Souben así, da existencia dun sabio doutor nas terras de Oriente. Tiña el descuberto, afanosamente, e por ventura das súas innumerábeis pescudas farmacolóxicas -desenvolvidas no maior dos segredos, a carón mesmo das escarnecidas murallas da cidade mártir de Palmira- un remedio fabuloso, milagreiro, especialmente, contra os tumores malignos. Estaba elaborado a base de microscópicas esencias de loureiro, algas mariñas catalizadoras e afrodisíacas herbas de namorar, das que agroman vizosas en Teixido, traídas, mesmamente, de Santo André do Lonxe. Xa que logo, o composto químico formaba unha máxica mestura coloidal.

Averroes, que así se chamaba o investigador -en lembranza do excelso médico da corte medieval do Califato de Córdoba- fuxira da cidade siria cando unha grea de desalmados fanáticos comezaran a mallar na inerme poboación civil con armas químicas e bacteriolóxicas. No paroxismo da súa tolemia, os bárbaros remataran por derrubar, á toa, as xoias artísticas milenarias que deran sona universal e inmorredoira á urbe malfadada. Tivera el, o tempo xusto para arranxar un vello papiro, onde despois pretendía anotar o proceso de síntese química da súa xenial descuberta, e acochouno, á presa, no falso peto dun esfarrapado gabán. Camiñou descalzo, día e noite, en forzado xaxún, até axexar os lindeiros da fronteira turca, onde unha marea humana de refuxiados, con choído porvir, eran tratados como animais salvaxes por mercenarios armados até os dentes con modernísimas armas occidentais, traficantes de almas apátridas, e outros voitres varios, da peor caste. Cunha pequena dose da súa receita secreta, Averroes, conseguiu rescatar dunha morte certa a moreas de miúdos, mulleres e anciáns, entangarañados no labirinto dun noxento campo de concentración, e abandonados á súa infeliz sorte polos gobernos dunha Europa, sen honra nin memoria de seu. Pasaron os días, e canda eles, a esperanza virouse en pranto, en grito esgazado, tinguindo os últimos corazóns latexantes coa tépeda cor das tebras enloitadas.Foi entón cando, Averroes, verteu as derradeiras pingas do seu propio sangue nun pequeno escrito, usando a modo de pluma un arame tirado do valado que o apreixaba, para así legar á humanidade a fórmula do seu sublime achado. Daquela, el non podía ter imaxinado que, por acaso, unha onda mariña, brava demais, ía estragar, de súpeto, o papiro coa fórmula secreta contra o cancro. Incrédulo e magoado, volvín a pór o esnaquizado papiro no interior da garrafa. Entre bágoas, pecheina coa cortiza e deiteina con arrepío no océano. Teño por certo que aínda continúa a viaxar no seu seo, en azaroso devalar oceánico, na xusticeira compaña do seu insondábel misterio.