Xeo ecuatorial

LE JOURNAL DE L’AFRIQUE ÉQUATORIALE
“NOVO ASALTO DOS ECOLOXISTAS A UNHA EMPRESA AMERICANA
Milleiros de chimpancés foron onte postos en liberdade por grupos ecoloxistas en Minago, Burundi. A sede da farmacéutica norteamericana “Vac&Drug” na costa leste do lago Tanganica estivo envolta nos últimos meses nun escándalo froito de certas acusacións polo seu trato ós animais cos que experimentaban. Dita empresa tamén fora relacionada na última década do século pasado co ensaio clínico “Trivac”, que custou a vida de ducias de cameruneses que non foron informados legalmente antes de recibir a dose vacinal. (...)”

- É aquí. Por fin chegamos.
- Si, pero dezasete pouco podemos facer. Aínda que teñamos o apoio de milleiros de persoas.
- Xa, pero non están aquí.
- Non me digades que poñer en perigo a nosa vida e traballar durante estes meses foi en balde. Agora hai que rematar o comezado, polo menos facelo polos que quedaron no camiño; eles si o farían.
- Tamén, pero sobre todo por unha causa coma esta.
- Non, non podo facelo.
- Moi ben, algún covarde máis ou podemos actuar?
- Esperade! Irei. Prefiro morrer así que de vello sen ter feito nada de proveito polo mundo.
- Veña logo. Adiante!

A empresa estadounidense “Bye-ViBa” ten un espírito xoven que investiga novas estratexias terapéuticas e preventivas fronte a enfermidades infecciosas que especialmente afectan a África, coma a infección por VIH, a malaria ou a tuberculose. Tan só arredor do 40% dos seus traballadores proveñen de fóra de África, xa que a empresa inverte en bolsas para a formación dos cidadáns dos países nos que ten as súas sedes. A meirande parte dos seus estudos baséase na Bioloxía de sistemas e utilizan ferramentas bioinformáticas para definir os ensaios in vitro e in vivo. A cuarta parte dos seus gastos van ó coidado e ás instalacións dos animais que utilizan, que só son manipulados por 10 expertos. Polo de agora non chegou á fase clínica con ningún dos seus estudos.
Un día máis, na sede de Kainaki, ó sur de Kisangani, á beira do río Congo na República Democrática do Congo, só se escoita o son típico de calquera centro de investigación occidental: o son de equipamentos en funcionamento, o son do pipeteo, o son das voces en reunións, interrompidos de cando en vez por algún que outro alarido cando algo sae ó revés do esperado. Fóra, o habitual caer da chuvia. No piso superior, tres encargados falan preocupados:
- Volveron asaltar outra farmacéutica a noite pasada. Sei que nós non xogamos coa mesma baralla, pero todo isto dáme mala espiña.
- A min tamén... Estes das teorías do complot fan o que sexa por saírse coa súa. E a nosa compañía está baixo o seu punto de mira, non sei por ven pantasmas onde non as hai!
- É incrible! E que non me entra na cachola como poden retorcer feitos transparentes e mandarnos esas ameazas!
- A sociedade da información desinformada. O mundo toleou!

Os ecoloxistas están preparados para entrar na nave no que será un novo asalto a unha empresa que cren que enmascara unha situación de violencia e explotación animal e humana. Despois de meses de investigación e mobilización de masas, os que decidiran participar activamente no chamado “Proxecto África Libre” dividíronse en varios grupos para repartir a súa acción por todo o continente. O colectivo que agora estaba en Kainaki atravesou quilómetros de selva virxe para chegar alí, perdendo no camiño a moitos dos seus integrantes, que, ou caeran mortos (devorados por animais, afogados ou por contraer algunha enfermidade), ou se extraviaran na inmensidade. As cataratas Tshungu, ríos, pantanos e ollos escintilantes na escuridade son testemuñas da súa aventura.
Tiñan que entrar en silencio. Mentres uns reterían pola forza (ata matar, se fose preciso) ós gardas de seguridade e a quen atopasen, outros soltarían ós animais engaiolados e outros ós escravos. Unha tarefa complicada, ademais de arriscada.

Bandexa de entrada (1)
Proxecto África Libre: éxito en Bye-ViBa de Kainaki.
Os animais engaiolados foron postos en liberdade. Mais hai que dicir que estes estaban nunhas condicións que non nos topáramos nos anteriores asaltos. Sen embargo, non tivemos nada que facer cos escravos, non os atopamos. Os gardas dixéronnos que están alí voluntariamente e con boas condicións laborais. Probablemente se trate dalgún tipo de escravitude sectaria. Tivemos que acabar con eles e cun par de investigadores que nos atopamos.

Ó día seguinte, nalgún lugar do mundo desenvolvido volve a levantarse a alarma social por un novo caso de morte dun neno a causa de sarampelo – ou calquera outra infección case erradicada – por ser fillo duns pais contrarios ás vacinas.