Déjá vu

Martes, o primeiro do mes de outubro. Como ven sucedendo nos últimos anos, o doutor Arquímedes Fidias encérrase no baño para repetir o ritual. Desoíndo os sinais de advertencia que lle envían os xeonllos e as lumbares, anícase para virar as rollas nun e noutro sentido ata abrir a última das botellas da fileira. O estoupido dos tapóns ao saír do estreito cilindro da boca na que foron introducidos a presión, acompañados da escuma que zarrapican, fano gozar como se viñese de calcular con exactitude a esquiva masa dos neutrinos. A continuación, coa meticulosidade que lle é propia, adquirida tras innúmeras xornadas de traballo no laboratorio, verte o líquido no interior da bañeira. O Champagne, malia ao prezo prohibitivo e o seu exiguo salario, é do mellor que se pode conseguir na cidade. Unha ducia de botellas de Dom Perignon Vintage: o soldo dun mes de traballo.
O doutor Arquímedes Fidias entorna as ventás que dan ao Largo Aretusa, a escasos metros da fonte da náiade, ateigada acotío de turistas, e, alleo ao balbordo do mundo, íspese no seu cuarto. O reloxo de pulso herdado do pai queda pousado sobre a mesa de luz; as pezas de roupa dobradas con coidado, no moble ao pé da cama; na cesta da roupa sucia, as prendas recollidas entre o índice e o polgar.
Outra volta no baño, achega unha cadeira ata o bordo da bañeira e deixa sobre ela o teléfono. No respaldo, precaución necesaria, colga unha toalla: podería recibir unha chamada inesperada e ter que secar o aparello antes de responder. Logo, con parsimonia, introduce o corpo na bañeira: de primeiro apenas unha deda, intentando determinar, a súa pel a xeito de termómetro, a temperatura do fluído; deseguido move o pé arriba e abaixo apenas uns milímetros, tenteando desta volta a presión crecente a medida que a extremidade descende. As cóxegas, nacendo dende algures na súa derme, recórdanlle ao Gerris lacustris, insecto ao que os nenos chamaban zapateiro, que o levou a descubrir, aínda un cativo de primaria, a tensión superficial. Nese intre detense, saca o pé e sécao, vai ao estudo e, sempre parsimonioso, volve cun rotulador na man. Arquímedes Fidias continúa co xogo demorado: deleitase desta volta na observación de como a marca que ven de trazar no lateral da pía queda mergullada e o champaña ascende e ascende a medida que el se deita e a escuma o cubre ata o pescozo.
Ao doutor préstalle soñar cos ollos abertos. Mentres bota man da copa que deixou pousada na cadeira a rentes do móbil, rememora os seus primeiros experimentos fallidos, investigador aínda imberbe, encamiñados a explicar a interconversión entre os tres sabores de neutrinos. Recolle dous dedos de champaña e saboréao a pequenos grolos. A súa mente continúa enfrascada nos billóns de partículas subatómicas que atravesan o seu corpo cada segundo a unha velocidade próxima á da luz; como non intentar evidenciar a súa influencia no sistema límbico, fonte das nosas emocións? Nin Marconi nin Carlo Rubbia, nin tan sequera Enrico Fermi; as súas mentes abstrusas non tiñan a clarividencia e brillantez da súa: xamais ousarían buscar resposta a preguntas semellantes.
O ton de chamada entrante do seu móbil interrompe os pensamentos do doutor Arquímedes Fidias. O número, cun feixe de díxitos, resúltalle descoñecido; sen descolgar, escoita as palabras exactas que levan anos ecoando no seu cerebro: o interlocutor, tras preguntar cerimonioso pola súa persoa, identifícase, con pronunciación case perfecta e sen asomo de afectación na voz, como o secretario da Academia sueca. O motivo da chamada, anúncialle, é comunicarlle que, despois das reunións e deliberacións pertinentes, un xurado designado pola institución á que pertence, ven de proclamalo como o novo galardoado co Premio Novel de Física. A acta do xurado é contundente: alén das súas achegas encamiñadas á construción do telescopio co que foi posible enxergar a antimateria, destaca de xeito sobranceiro o seu traballo pioneiro nos estudos teóricos que conduciron a explicar os principios da hidrostática de xeito acorde aos postulados relativistas, xogando de xeito brillante cos conceptos de materia e enerxía...
O doutor Fidias deixa caer o teléfono sen escoitar o final da acta; o trebello, tras apenas un segundo sostido pola escuma, mergúllase e afoga. Mais Arquímedes bule; xa está na rúa e, cunha axilidade impropia da súa idade, corre e brinca polas rúas da Isola de Ortigia, na estrema da siciliana cidade de Siracusa, exhibindo sen pudor a súa nudez. Corre Arquímedes, corre e brinca mentres berra alporizado: conseguino, conseguino! Eureka! Eureka!