QUERIDA FAMILIA

“Quérovos e síntoo.
Reescribín moitas veces este inicio, mais creo que estas son as mellores palabras para comezar esta carta. Levo moito tempo pensando nisto e non son capaz de levantar cabeza. Como sabedes, a presión á que estiven sometido foi moi grande, e cada vez é maior. Levo moitos anos loitando por investigar, por facer o que sei facer. Levo moitas bolsas pedidas e moitos proxectos presentados e, aínda que din que estamos a saír da crise, eu sigo sen conseguir nada. Síntome un fracasado. Sinto que despois de dedicar a miña vida enteira a formarme, doutorarme e a investigar, non son suficientemente bo para facelo, mais agora xa non sei facer outra cosa. Son un covarde que non se atreve a dicirvos adeus en persoa e, por iso, fágoo a través desta carta, con bágoas nos ollos e un sentimento de liberación, sabendo que axiña vou acabar con esta dor.
Dóeme moito dicirvos adeus e quero pedirvos perdón a todos polo sufrimento que isto vos cause:
A vós, nai e pai, por quererme, por coidarme e por apoiarme durante tantos anos. Por permitirme facer o que sempre desexei, aínda que moitos me dicían que iso non tiña futuro. Non, non o tiña.
A ti, miña queridísima irmá, por apoiarme sempre, por quererme, por confiar en min. Sinto defraudarte, pero non podo mais. Pode que esas longas horas falando axudasen a que isto non pasase antes, pero nada bo pasa xa pola miña testa.
A ti, miña vida, meu amor. Ana, quérote. Desde que te coñecín todo foi máis fácil para min, por iso me custa tanto escribirche estas liñas. Quixera poderche dicir que podes facer que sexa o suficientemente feliz como para seguir vivindo, pero vai máis aló. Sinto que son máis unha carga que un descanso, sinto que son a negatividade que foi minguando a túa personalidade irresistible facéndote cada día un pouquiño menos feliz, sen te decatares. Quero que sexas forte, que sigas coa vida que eu non che puiden dar. Quero que volvas ser feliz.
Non esquezades nunca que vos quero con toda a miña alma. Co meu corazón cheo de pena por non podervos apertar por última vez, despídome.
O voso fillo, irmán e marido.
Quérovos e ”

Ese día, o día que tiña decidido terminar coa miña vida, chegou Ana co maior sorriso que lle vía nos últimos anos. Chegou pronto do traballo e pilloume escribindo esta carta. Díxome que viña do médico, que estaba embarazada. Entón, imaxineime cos nenos na praia, de vacacións. Imaxinei a vida que estiven a piques de perder e entroume un arrepío por todo o corpo. Imaxinei todas as cousas que lles podería ensinar, as ondas, os ourizos, os peixes, o mar. Entón, notei que o sorriso de Ana debuxábase tamén na miña cara. Alégrome que Ana chegase pronto aquel día. Lembro con vergoña cando escribín esta carta. Lembro a dor, lembro cada punto e cada coma. Alégrome tanto de non chegala a deixar xunto ao meu corpo sen vida aquela mañá...
Hoxe son feliz coa miña familia; véxoos todos xuntos no soportal de casa, ao redor da mesa cunha gran enchente xa terminada, cos pratos xa baleiros, celebrando o nacemento da nosa neta. Eu, baixo o sol, sorrío mentres gozo desa estampa. Recollo os últimos amorodos da nosa horta para comelos de sobremesa. Esta horta que me deu a vida cando nos mudamos aquí. Xunto a Ana e os nenos, conseguín facer desaparecer ese desacougo que me embargaba. Nesta horta non só creceron froitas e verduras, se non que creceron tamén as miñas ganas de vivir. Esta horta fixo que me sentise útil, podendo alimentar a miña familia, mentres a miña muller traballaba para pagar as facturas e o aluguer.
Sosteño esta carta entre as miñas mans, xa engurrada. Tantas veces desdobrada que o papel hai tempo que se quebra polos seus bordos. Relín esta carta tantas veces que a podo recitar de memoria. Téñoa tan gravada que xa non a preciso. Sosteño esta carta nas miñas mans para lela por última vez antes de rompela.