Refracción ou reflexión?

Tombada sobre a mesa do estudio, esquecida hai moito tempo, un tempo no que fun unha fermosa pirámide; duro vidro pulido para conter o viscoso liquido ambarino recordo dalgunha das súas viaxes, agardo...
Agora só un máis entre todos os cacharachos que Hana vai deixando polos currunchos.
Tiven máis sorte que o elefantiño hindú ou que aquel horrendo prato Anasazi. Eu gozo dunha posición privilexiada na parte esquerda da mesa, estratexicamente colocada na diagonal da fiestra orientada ao leste.
E alí …agardo…
Agardo cada mañá a que chegue o momento, ese momento que me fai sentir viva, que me recorda que son especial, que son poderosa, que teño no meu interior o poder de mudar a percepción das cousas, o poder de facerlle crer a Hana que o arco da vella pode nacer no seu estudio de vinte metros cadrados,
Unha raiola de luz atravesa a miña face, sinto como me invade a súa calor, como se desliza no meu interior, como me percorre buscando un lugar para saír, para escapar desta cárcere imposta polas leis da óptica.
Recupero os folgos, e agardo…outro amencer,