Cando en Galicia había icebergs

Buah, acordaste de cando vimos os icebergs dende a Torre, vaia pasada, que frío ía! Había xeo alí para tomar os vermús de toda a sesión da orquestra.

Lémbraste cando chegaron os icebergs a Galicia?

Vaia comezo sería este para unha boa conversa desta de rememorar batallas. Unha conversa que ao mellor, noutro contexto, con outros protagonistas, puido existir. Imaxinade como sería:

Máis ou menos todos os que temos o acordo de máis aló de 30 anos lembramos perfectamente o Hortensia e as súas consecuencias na nosa contorna. O Hortensia foi un fito común para poñer un marco temporal á esctructura dos recordos da infancia. Eu lembro pouco máis sei ben como neses días o Horreo do Outeiro desapareceu da leira para sempre. Cal é a túa anécdota? Seguro que algunha tes e que podemos falar longo e tendido do Hortensia. Todo isto, todo un recordo colectivo nace dun vendaval, de ar e vento e chuvia como sinais característicos e as súas cicatrices. Non me quero nin imaxinar como recordariamos eses momentos, como sería o recordo colectivo ou como sería unha conversa se na vez de vento e chuvia, a imaxe que se nos viñera á cabeza para relembrar un fito común, non fora outra que icebergs, icebergs frotando polas proximidades da ría do Burgo, polo Golfo Ártabro, polo mar de María Luisa, pola zona da Selva alén do Prior... Unha imaxe fotográfica na que os icebergs estarían presentes dende as proximidades da costa cosendo con liñas de xeo a liña do horizonte, a fronteira da friaxe, e incluso máis, chegando até onde lindaba Galicia en textos antigos, mar por diante até as illas británicas. Icebergs e frío.

Sería unha conversa ou un conto para remomemorar sempre que houbera algún reencontro ou festa de gardar. Onde estabas ti cando chegaron os icebergs? A ti tamén che trouxeron unha pedriña de xeo para botarlle ao licor café? Como sabía eh, prestaba moitismo! A min unha pedra de xeo duroume toda a noite no vaso. Eu aínda teño algún xeo daquelas metido no arcón....
E se pasara, e se esa conversa ou algo parecido puidera ter pasado neste mesmo lugar, na mesma zona que agora ocupamos e chamamos Galicia. Vexamos se podería ser, expoñamos razóns:

As covas de Altamira e os rastros que os humanos deixaron nelas teñen unha idade superior aos 15.000 anos, e tamén se di que as covas encontradas nos Ancares poderían estar habitadas hai 30.000 anos.
Igual que había humanos no interior, seguro que tamén os había perto da costa, onde o clima en plena glaciación podería ser un pouco máis amábel.
Con todo isto poderíamos dicir que hai 15.000 anos non sería extraño atopar polas proximidades da zona das Mariñas, un pouco máis extendida que a actual debido a que o nivel do mar estaría máis baixo, humanos que gozaran e viviran na contorna.
Con todo isto..... só nos faltan os icebergs...e agora ímolos a poñer.
Porque hai15.000 anos?, que importancia ten esa data. Pois porque hai aproximadamente 15.000 anos, unha armada de icebergs encheu este curruncho da península Ibérica de témpanos de xeo. Non foi a única vez que isto pasou, pero si foi a última até o momento, e a máis próxima ao periodo actual cálido no que vivimos.
Estes icebergs que se liberaron dende todas as terras xeadas do Atlántico Norte a este oceano viaxarían movidos polas correntes oceánicas e o vento até aquí, até unha Galicia que non se chamaba aínda así..
Que como o sabemos? Pois estes icebergs procedentes dos glaciares continentais do máis ao norte do hemisferio norte que erosionan a terra pola que pasan, incorporan no seu interior estas partículas que arrancan da rocha, e viaxan con elas. Os icebergs derrítense ao chegar a zonas tan alonxadas como a península ibérica por ser climas máis templado, e ao fundirse liberan esta carga ao fondo do océano, e estas partículas pódense recoñecer facilmente. Ademais, imaxinade, onde viven os osos polares? só nas partes máis frías do hemisferio norte. Se o xeo chega máis ao sur, os osos polares chegan máis ao sur, pero á Galicia non chegaron os osos polares, chegaron outros seres, habitantes do plancton, que tamén actualmente só viven nas proximidades do círculo polar ártico e que grazas ao enfriamento producido polos icebergs ao afundirse, encontraronse nas costas galegas como na súa casa. E é certo.
Temos icebergs e temos xente nas Mariñas hai xa máis ou menos 15.000 anos. Só faltaba o licor café para estos galegos primitivos, e tamén o idioma, xa que daquelas non existía o Galego para ter esa conversa que queremos reproducir, pero seguro que tiñan unha fala de seu que lles permitiría rememorar o día que no que viron os icebergs.