A poesía da ciencia

Pensaredes que son unha esaxerada, mais o meu amor máis fiel, a física, estaba a tremer. Camiñando `melancólica pola Coruña, todo me recordaba a ela. As ondas que chegaban furiosas ata as praias non deixaban de "interferir", destructivamente, nos meus pensamentos. Ao facer pedazos o teito de cristal, os problemas comezaron a caerme enriba. As responsabilidades daban noxo e só a ciencia facía delas algo retador.

5:00 pola mañá. Cuns neurotransmisores demasiado frenéticos, erguinme da cama cun chimpo. A física non me deixaba durmir nin un intre... É o que ten o amor. Mantente en vela. E semellando unha trobadora, comecei a cantar á Lúa: "Lúa minguante, vistes ao meu amigo?"

Baixei á praia. Tremía. Refírome á auga, non vaiades pensar, que eu mantíñame forte. Mais a luz da lúa cegábame e algo no meu corpo resentíase. Un quebracabezas tiña que ser resolto, un teorema necesitaba ser probado... E eu necesitaba chegar á tan desexada teoría do todo. Que namorada me atopaba dela! Día tras noite, noite tras día, atopábame nunha infinita cea romántica coa física. A cada folio recheo, non só viaxaban bolboretas no meu estómago, senón neutrinos, quarks... E fotóns! Ai, canto me iluminaba a física. O teño, o resolvín! Pensaba de súpeto, mais chegaba o segundo prato, a sobremesa... E eu aínda non coñecía o suficiente sobre a física como para rematar a teoría, para concluír as miñas investigacións e, por suposto, para rematar aquela cita amorosa tan destacada. E que ocorreu? Que detivo esta relación, prevista para toda unha vida?

17:30 da tarde. A miña pel esquecía. A arena queimárame o corpo. Quedei ben durmida, e a Lúa marchouse sen dicir adeus. Onde estará? Verías ao meu amigo? Canto me arrepentía das miñas decisións! Eu, e tan só eu, era a culpable. Cantas horas pasei rodeada das contas e cavilacións, paseando pola mesma praia, collida da man da física! Mais tras tanta investigación nunha teoría final, abstraínme… A endiañados números, sedutoras matemáticas. Seino! Pasei dunha relación estable forxada a partir de anos e anos de investigacións, a unha amante fugaz, moito máis fundamental. Ai, benditas matemáticas… Que fixestes comigo? Ai, que namorada estaba, que con elas todo tendía a infinito.

22:00 da noite. Os neurotransmisores cesaron a súa actividade. Que alivio! Non soportaría nin un amante máis. Aínda que a bioloxía está moi…

Basta!

A ciencia, como se do "Tinder" dos intelixentes se tratara, estaba a xogar comigo, e a min gustábame, mais eu quería resolver o meu problema e centrarme nunha soa rama da ciencia. Mais todo estaba relacionado! Elixir resultaba imposible.

Finalmente, nada máis vela, o tiven claro. Quixen casarme e pasar todo o resto da miña vida xunto a ela. Que namorada estaba eu! Que cegada estivera que non puiden vela!

E só coa súa presencia, souben que a astrofísica é a poesía da ciencia, e eu quería escoitar todos os seus versos.
  • Hits: 98

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA