TOXOS, SUBSTANCIAS, LEMBRANZAS

“Levaba toda a vida na súa procura. Estudando, buscando e voltando a estudar outra vez. Pero despois de tantos anos de intensas investigacións, cría ter dado coa chave para atopar a substancia alquímica que tanto cobizaba...

`Conta a lenda que xa os pobos castrexos galaicos bebían infusións da flor do toxo, a tan venerada chorima ou alecrín, coma un bebedizo con propiedades case místicas. A súa forma de quilla e a intensa cor amarela que relucía nos seus pétalos eran consideradas símbolos de valor, resistencia e lucidez na loita, polo que os guerreiros das tribos adoitaban tomar unha ou dúas culleradas antes da batalla, debido o seu sabor fortemente acerbo.´

Neste conto popular atopou a inspiración que tanto se lle viña negando nos últimos anos: o crosepo. Se buscamos no dicionario, crosepo defínese como "insecto coleóptero de antenas cónicas, élitros en escama e pezas bucais en forma de fouciña, endémico de Galicia e que se alimenta exclusivamente da flor do toxo". Non é, entón, lóxico pensar que un escaravello que basea a súa dieta soamente na chorima poida conter e concentrar, na súa mesma esencia, a substancia que estaba a procurar? Os seus élitros de intensa cor dourada poderían, tiñan que ser a fonte do elixir que non facía máis que perseguir dende que era moi nova. Evidentemente, o seu interese ía máis aló dun suposto poder para converter en ouro ou prata todo aquilo que rozase; iso eran ideas demasiado frívolas… Os seus propósitos eran, pola contra, moito máis elevados: obter un composto capaz de reverter o avellentamento natural dos individuos.

E así pois, trala súa elocuente idea e moitas conversacións para convencer a algún entomólogo experto que a acompañase para capturar os seus arelados insectos, ao cabo de poucos días puido conseguir tres gramos de po puro de élitros de crosepo para infusionar e ensaiar. Por sorte para ela, os toxos eran o suficientemente abondosos nos montes galegos como para aloxar a moreas e moreas de crosepos durante todo o ano. Xa no seu laboratorio, os primeiros intentos foron, como cabería agardar de toda experimentación, un fracaso. Pero non chegara ata aquí para se render tan cedo. Aproveitando toda a súa experiencia previa, acumulada despois de tantos anos entre matraces e probetas, continuou probando distintas dilucións, medios e tempos de incubación ata dar coa presentación e dose axeitadas. Dous anos nada menos duraron as súas probas ata que puido conseguir aquilo que pretendera dende os seus inicios: que as súas prezadas hortensias azuladas, que lle traían tantas e tantas lembranzas reconfortantes da súa infancia na aldea, non murcharan nunca.”
  • Hits: 74

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA