O CORAZÓN BIOMECÁNICO

Sentíao golpetear contra o seu peito incesantemente… TAC, TAC, TAC… un ritmo constante cravado na mente e que xa formaba parte inquebrantable da súa esencia. Nas primeiras semanas trala implantación, ese zumbido xordo nos seus ouvidos estivera a piques de levalo à tolemia, coma unha abella perversa habitando os seus miolos, pero a crise xa semellaba moi lonxana e agora amaba ese son co que contaba cada segundo de vida engadido e mesmo às veces acompañaba distraidamente co dedo indicador.
Hoxe os Meteoxestores programaran dúas horas de choiva feble para limpar o ar do pó da tormenta de area da noite anterior… A el gustáballe sentir aquel orballo suave cando facía deporte, así que calzou as zapatillas e saiu do seu módulo para botar a correr… E alí estaba: TAC, TAC, TAC… petando forte e vivo contra as costelas, coma unha entidade con consciencia propia que pugnara por saír, entanto el forzaba máis e máis às súas pernas nunha carreira demencial, coas pingas de auga esvarando polas súas pálpebras e os pés mergullando nos grandes charcos que comezaban formarse no firme.
As rúas estaban baleiras, agás algunha sombra difusa trala cortina de choiva que se apresuraba a refuxiarse nalgún módulo… A meirande parte dos Habitantes exercían a súa xornada operativa segundo os ciclos de sol programados polos Meteoxestores, pero el detestaba esa rutina imposta… ó seu xuizo eles xa ostentaban un excesivo poder na vida dos Habitantes e segredamente consideraba as súas excursións baixo a ameazante cuberta de nubes negras que se arrremuiñaban en torno à inmensa agulla do Ionizador coma unha rebelión contra esa orde antinatural establecida.
Cecais por ese mesmo espírito rebelde nunca levaba un rumbo fixo cando corría, senón que deixaba vagar esa máquina imperfecta que era o seu corpo a vontade… Máquina… Iso era en realidade, non sí?. Cun reposto fabricado en apenas unhas horas por una impresora de tecidos biomecánicos albergado no seu interior. Non remataba de entender por que aquela peza que nin sequera podía apreciar cos seus ollos ou tocar coas mans alteraba de tal xeito a súa percepción da identidade propia. A meirande parte dos Habitantes exhibía con orgullo algunha prótese biomecánica, case sempre brazos e pernas moi visibles e mesmo fermosas, pero el amosábase reservado en canto a falar do seu corazón, coma se gardase con celo un segredo, medio avergoñante, medio marabilloso.
Evadido como estaba por estes pensamentos perturbadores, tomou camiño polo intrarradio da Cúpula… un pequeno click de alarma activouse… (Perigo!... ). Achegarse en exceso aos potentes campos magnéticos que mantiñan aquela enorme barreira-burbulla podería interferir e mesmo deter o seu prezado corazón biomecánico. A adrenalina comezou a correr polas súas veas, pulada pola mesma bomba que agora estaba amezada, descargando un torrente de medo no seu cerebro. Virou en redondo para voltar sobre os seus pasos e sentiu un forte golpe no peito: TAC!...( Que...?).
Detívose, confuso… o corazón fallaba?... Todo semellaba normal: TAC, TAC TAC. Retomou o andar e novamente, TAC!: outro estoupar xordo alí dentro que o cravou no chan, aterrado. E de volta o ritmo familiar acompañouno, pero o medo xa agarrara coas súas gadoupas nos miolos, paralizándoo. Procurou en balde algunha figura humana para pedir auxilio , cegado pola chovisca incesante, e ficou un intre abrumado polo silencio e a soidade.
Alí detido sentiu escoitar un lixeiro ruido ao lonxe, provinte das súas costas… Virouse, esperanzado. Sería a súa desesperada imaxinación?. Con cautela, botou a camiñar paseniño, coma se unha pegada demasiado enérxica puidera atacar o seu corazón biomecánico máis cas invisibles ondas magnéticas da Cúpula que, de certo, o estaban a atravesar nese mesmo intre… Mais os latexos ficaban constantes, amigables. O ruido xa non estaba, arriscaba de máis camiñando cara à letal burbulla?. Percorreu uns pasos máis; o seu corazón, acompañando o seu andar, pulaba por levalo ata a fonte daquel ruido efímero e colleu un camiñar máis firme, percibindo na pel a estática da barreira que se erguía, ameazante, a uns poucos metros; e alí escoitou de novo ese ruido, un son inconfundiblemente humano. Debía proceder dalgún módulo à outra beira da rúa. Sen pensar botou a correr, e o corazón biomecánico saltou de ledicia no seu agocho, animándolle a salvar a distancia ata a porta do módulo. Alí detívose, dubidoso e esperanzado. Estendeu a man e empurrou a porta cara adentro.
Ela estaba sentada, contemplando as imaxes da pantalla holográfica que iluminaba a súa cara. Ó sentir a porta virouse e mirouno ós ollos con firmeza, sen rastro de sorpresa ante a presenza daquel descoñecido. Entón ergueuse e achegouse a el que, na súa timidez, non foi quen de dicir palabra. Ela sorriu e pousou unha man no seu peito con delicadeza. O corazón biomecánico tamborileou feliz.
-Estaba agardándote.
E fundíronse nunha aperta emocionada.
  • Hits: 208

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA