Seguimos a medrar, malia todo

Maletas atadas con cordas, vagóns ateigados... xente cos ollos cansos, uns durmidos e outros coa mirada perdida.
Algún aínda tiña gana de falar.
.- Rapaza, e logo ti a que vas a Suíza?
.- Pois a traballar no que poida... e vostede?
.- Eu, miña filla, xa hai anos que ando por aló facendo disto máis do outro... a emigración foi a saída para tanto da miña aldea... Canto traballamos, miña madriña... Moitas cousas da que agora presumen os suízos levan o noso súor e sacrificio. Agora, pasei uns días cos meus, pero teño que volver.
Imaxes dun tren interminable cheo de galegos e galegas,... xente cos ollos cansos, uns durmidos e outros coa mirada perdida. A nosa terra dando o mellor dos seus alén da súa casa... sen estudos, sen coñecer a fala...
Era 1954 e nos arrabaldes de Xenebra estábase a levantar unha instalación científica que se convertiría pronto nunha das máis importantes do mundo: o CERN. Precisábanse obreiros, carpinteiros, electricistas, maquinistas...
Naqueles vagóns ían tantos dos nosos e das nosas... xente cos ollos cansos, uns durmidos e outros coa mirada perdida. Moitos deles ían por primeira vez, e quizais ese centro científico sería o seu destino.
De súpeto sentín que alguén golpeaba o meu ombreiro. Era a persoa que ocupaba a praza ao meu carón...
.- Rapaza, hai que se apertar o cinto que estamos a piques de aterrar.
Quedara durmida e todo aquilo era un soño... Ía no avión desde Santiago a Xenebra.
.- Rapaza, e logo ti a que vas a Suíza?
.- Son física, e mañá comezo a traballar no CERN.
.- Aquel home, coa cara chea de enrrugas, miroume durante un cachiño, e puiden ver naqueles ollos dúas bágoas e un aceno de orgullo.
Seguimos a medrar, malia todo.
  • Visto: 47

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA