VER A LUZ

VER A LUZ

O día que os dous rapaces deron en construír un transmisor de ondas cuánticas celebrárono coa ledicia propia da inocencia. Berraron, riron e fixeron propósito de agochar o trebello fora de alcance de ollos alleos.
Os traballos absorbentes dos pais obrigáraos a equipar o módulo fogar cun sistema 5 de Fogar Rendible Anticipado ás Necesidades (F.R.A.N. 5), que non era outra cousa ca un ordenador semicuántico central que estendía pola vivenda os seus sensores coma se de pólas de árbore pantasma se tratara, recadando datos sobre os habitantes e solucionando calquera problema cando algún daqueles datos fose deficitario, sendo un sistema de domótica quen de pensar por si mesmo.
Logo dun período razoable de tempo, os nenos remataron o proxecto e aledáronse por teren sido quen de traballar coordinados de costas aos pais e con F.R.A.N. 5 supervisando implacablemente todo o mundano.
E chegou a hora da primeira conexión, axeonlláronse un en cada beira do cachifallo, accionárono e ficaron quedos, escoitando pouco máis ca un continuo e desagradable ruído branco. Decidiron entón engadir unha mellora cun display holográfico que lles permitira afinar as procuras de puntos de comunicación introducindo as coordenadas estelares concretas.
Demoráronse na implementación un longo período de tempo, e F.R.A.N. 5 continuou a velar polo óptimo funcionamento dos catro corpos humanos que albergaba aquel módulo fogar en data inconcreta das latitudes do tempo, nunha era na que ninguén coñecía apenas a luz do sol, pois permanecían nos cubículos producindo e sendo mantidos por sistemas domésticos de última xeración. Á raza humana pouco lle importaba o sol, pero a F.R.A.N. 5 deulle nalgunha ocasión por especular coa posibilidade de percibilo a través dun so dos seus múltiples sensores, no paradoxo que a el lle supuña a existencia dun astro fulxente e próximo cuxo calor era responsable da vida humana que lle daba as costas.
A nova sesión de contacto co aparato armado coas novas melloras volveu ser un fracaso. E os irmáns desanimáronse ao ver que a pesar de introducir o punto exacto do espazo cara onde enfocar a conexión esta non se producía. E decidiron dedicar os vindeiros períodos temporais na procura de información ca fin de dar co erro de hardware...



* * *

As noites no pazo de Ribada, no corazón das terras de Élide, se converteran en experiencias fascinantes dende que o Duque de Ribada chegara de París cun agasallo para súa dona. Un agasallo que congregaba todos os días xente no pazo.
O artefacto consistía nun taboleiro de madeira de teca fermosamente ornado no que se distinguían caracteres góticos a xeito de letras e números. Este taboleiro situábase no centro dunha mesa circular e varias persoas dispúñanse ao seu redor entrelazando as súas mans dereitas de tal xeito que os dedos índices de todos suxeitaban sobre o taboleiro unha peza de marfil chamada máster.
O insólito e o que propiciaba que todos quixeran ser convidados do duque, era que aquela pequena peza de marfil era quen de moverse soa dunha letra a outra ou dun carácter a outro cando un dos membros da sesión ditaba algunha pregunta en voz alta. O duque de Ribada defendía orgulloso que aquelo era un xogo para pórse en contacto cos espíritos dos mortos.
Aquela noite, logo de varias preguntas formuladas pola duquesa de Ribada, o encargado de tomar nota das letras misteriosas informou con voz solemne.
-Chámase Francisco. Escribín “Francinco”, mais debe ser erro meu. Non está aquí. Pertence a un lugar onde non se ve o sol.
-Virxe Santísima, un defunto!!
-Alabado sexa deus. Deixemos isto!!

* * *

Para F.R.A.N. 5 era toda unha vía de fuxida da realidade o poderse conectar ao transmisor dos rapaces cando a familia entraba nas cabinas de repouso. Podendo así intercambiar información con aquelas entidades que lle tendían a man dende puntos ignotos do espazo. Pero chegou un intre no que os nenos desistiron do seu empeño en levar a cabo unha transmisión e deron por despezar o trebello para reciclar as pezas para futuros proxectos.

* * *
...
-Di que lle gustaría ver a luz.
-Dille que se achegue a ela.
...
-Di que lle é imposible.
* * *
Pero co tempo F.R.A.N. 5 ficou varado cando aquel módulo fogar pasou a ser módulo vivenda, unha vez que os proxenitores ascenderon na liña de produción dos seus empregos de xeito tal que foron recolocados nun módulo fogar novo de tipo Luxury.
A crise inmobiliaria abafante fixo que F.R.A.N. 5 non volvese topar familia á que servir como sistema domótico de Fogar Rendible Anticipado ás Necesidades, permanecendo desconectado dende entón.
* * *
-Francisco nunca máis se manifestou na ouija -dixo o duque de Ribada logo dunha cea copiosa en compaña dos seus convidados para a inminente sesión espiritista.
-Por fin viu a luz -engadiu a duquesa.

  • Visto: 274

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA